DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA: BASES REGULADORAS DO PROGRAMA “PONTEVEDRA, PROVINCIA +INCLUSIVA” PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO SITUADAS EN CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES DE PONTEVEDRA PARA A PROMOCIÓN DA ACCESI

BASES REGULADORAS DO PROGRAMA “PONTEVEDRA, PROVINCIA +INCLUSIVA” PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO SITUADAS EN CONCELLOS DE MENOS DE 50.000 HABITANTES DE PONTEVEDRA PARA A PROMOCIÓN DA ACCESIBILIDADE UNIVERSAL

O importe máximo da subvención para cada solicitude non poderá exceder do 80 % do seu orzamento nin da cantidade de dez mil (10.000,00) euros. En caso de que o importe solicitado supere os devanditos limiares, non se terá en conta o exceso.

Serán destinatarias destas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que se atopen inscritas no RUEPSS da Xunta de Galicia como titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais nos ámbitos de inclusión, maiores e/ou discapacidade, e que teñan o seu domicilio social nalgún concello de ata 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra.

As entidades de iniciativa social deben estar ao corrente coas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), coa Deputación de Pontevedra e coa Seguridade Social, circunstancias que serán comprobadas nas condicións establecidas na base novena.

As actuacións financiadas deberán executarse desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2024.

Serán subvencionables os gastos ou custos relacionados a continuación en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os que teñan un dereito de uso por calquera título válido en dereito, cun período de cesión vixente por un mínimo de 5 anos seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Gastos subvencionables:

• Gastos derivados das obras de acondicionamento, reforma ou ampliación de espazos accesibles nas instalacións das entidades solicitantes.

• Os custos de redacción da memoria do proxecto, se esta fose necesaria, serán subvencionables se están directamente relacionados co investimento subvencionado e son indispensables desde o punto de vista legal para a execución da obra de reforma ou acondicionamento.

• Gastos para adquirir sistemas inclusivos de comunicación, informáticos, audiovisuais, dispositivos braille, sintetizadores de voz, dispositivos de alarma mediante sinais luminosos ou acústicos ou mediante vibracións etc.

• Gastos derivados de adquirir axudas técnicas relacionadas coa mobilidade e o coidado persoal: camas articuladas, colchóns antiéscaras, cadeiras de rodas (non cubertas por outro sistema público), guindastres e plataformas elevadoras, andadores, sistemas de elevación, dispositivos motorizados para subir escaleiras, cadeiras para a ducha e outras de similar natureza para o uso das persoas usuarias da entidade solicitante.

As solicitudes poderán conter un ou varios dos gastos subvencionables anteriormente descritos.

Non serán subvencionables os gastos correntes de mantemento do local, tales como material funxible, auga, luz, teléfono, alugueiros de locais, telefonía e calquera outro de similar natureza.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do procedemento específico dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra
(https://sede.depo.gal)

O prazo para a presentación de solicitudes será de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases e do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS).

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2024/04/26/2024027562