XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA BENESTAR BALNEARIOS PARA O ANO 2024

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria (código do procedemento BS607A).

Serán persoas beneficiarias do programa Benestar en balnearios para o ano 2024 aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a convivencia normal nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio. 

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e das quendas solicitadas. g) Deben cumprir cos requisitos e coas obrigas sinalados no artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas

1. Convócanse estadías para 1.235 prazas para participar no programa Benestar en balnearios 2024 da Xunta de Galicia, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos balnearios que se relacionan no anexo IV.

2. As quendas teñen unha duración de 10 días, con nove noites cada unha e comprenderán desde as doce horas da mañá do día de chegada ata as doce horas da mañá do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 17 de xullo e o 18 de decembro do ano 2024.

A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres, de uso compartido, ou no caso de existir dispoñibilidade en cuartos individuais.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada establecemento balneario no anexo IV, que comprenderán:

1º. O recoñecemento médico, ao ingresar no establecemento balneario, para a prescrición do tratamento.

2º. O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do establecemento balneario.

O prezo a pagar por cada persoa beneficiaria, por estadía na praza do establecemento balneario e quenda adxudicada é o seguinte:

Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 ou 3 estrelas categoría superior: 377,89 €.

Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 349,89 €. Balnearios con outro tipo de aloxamentos: 269,17 €.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240617/AnuncioG0762-070624-0001_gl.pdf