XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DE VIVENDA EN ALUGUEIRO ACCESIBLE EN GALICIA

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (código de procedemento VI435D).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as dúas modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI435D:

– Modalidade A: promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, vinte anos. Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio ou, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, desde a data da súa cualificación definitiva.

– Modalidade B: promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, quince anos. Este prazo computarase desde a data da cualificación definitiva.

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.

As vivendas que se promovan con cargo a calquera das dúas modalidades previstas neste programa deberán cumprir os seguintes requisitos: 

a) Destinarse ao alugueiro accesible ou á cesión de uso polo prazo indicado, segundo a súa modalidade, no ordinal primeiro, e deberá constar esta vinculación de destino, en todo caso, en nota marxinal no Rexistro da Propiedade. No suposto de que se trate de vivendas protexidas, con independencia da modalidade da que se trate, A ou B, deberán destinarse ao alugueiro, conforme o establecido na súa cualificación.

b) Deberán cumprir a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia.

c) Deberán situarse en localidades que teñan inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia cando menos cinco unidades de convivencia por cada vivenda para a cal se solicita financiamento.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no DOG e rematará o 31 de outubro de 2024.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240624/AnuncioC3Q2-180624-0001_gl.pdf