XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS DO BONO TALENTO EMPRESA PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS FORMATIVOS DE CURTA DURACIÓN QUE SE DESENVOLVAN POR PARTE DE ENTIDADES FINANCIEIRAS

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 10 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas dos Bonos Talento empresa para a realización de proxectos formativos de curta duración que se desenvolvan por parte das entidades beneficiarias, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 20212027, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024-2025 (código de procedemento TR302D).

Entidades beneficiarias

1. Poderán solicitar as subvencións previstas nesta orde as microempresas, pequenas e medianas empresas (pemes) e grandes empresas, segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, validamente constituídas e con actividade ininterrrompida, cando menos, desde tres anos antes da data de publicación da presente convocatoria, con centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver a actividade para a que solicitan a subvención, que posúan capacidade técnica e financeira suficiente para a execución das accións subvencionadas e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As entidades solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento de presentación da solicitude de axuda. Non poderán ser beneficiarias dos Bonos Talento empresa as empresas en crise segundo as definicións do artigo 3 da presente orde, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá realizar as comprobacións necesarias para verificar se as entidades beneficiarias teñen a condición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa e, de ser o caso, que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise. 

2. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas que teñan contratadas ao seu cargo persoas traballadoras por conta allea, validamente inscritas no réxime especial de traballadores autónomos ou no réxime especial de traballadores do mar por conta propia, con centro de traballo en Galicia e cunha antigüidade como cotizante igual ou superior a tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de publicación da presente convocatoria. Non poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas en situación de autoemprego societarias, en calquera das súas formas. Así mesmo, quedan excluídas desta orde as persoas traballadoras autónomas colaboradoras e familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Actuacións subvencionables

 1. As actuacións subvencionables son accións formativas de carácter non formal de curta duración, destinadas a contribuír ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras ocupadas por conta allea do cadro de persoal da entidade beneficiaria e a mellorar a competitividade das súas empresas.

2. As accións formativas estarán orientadas á adquisición de competencias comprendidas entre os ámbitos de capacitación prioritarios detectados nas mesas de traballo con empresas e axentes sociais realizadas no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Estes ámbitos son:

a) As competencias dixitais, desde a dixitalización básica (traballo colaborativo con ordenadores, ofimática nivel usuario de paquetes ofimáticos sectoriais e especializados ou uso de dispositivos, etc.) ata a adquisición de competencias e coñecementos técnicos avanzados (programar sistemas informáticos, configurar e protexer sistemas informáticos, acceder a e analizar datos dixitais, etc.), a adquisición de coñecementos de tecnoloxías innovadoras ou disruptivas, etc.

b) As competencias das persoas traballadoras en procesos industriais, incluída a manipulación de maquinaria especializada, coñecementos e técnicas do ámbito da construción, técnicas de soldadura, instalación de compoñentes, deseño ou interpretación de documentación ou diagramas técnicos, entre outros.

c) As competencias vinculadas á xestión empresarial, incluídas as competencias de xestión de persoas e equipos (recursos humanos e xestión do talento, xestión de proxectos, etc.), a xestión eficiente dos recursos, a toma de decisións e a planificación estratéxica ou a realización de tarefas administrativas, financeiras e contables, etc.

d) As competencias de prestación de servizos a clientes, tanto vinculadas a promover, vender e comprar produtos ou servizos como relativas á atención ao cliente (orientación e asesoramento, satisfacción do cliente, asistencia postvenda, xestión de reclamacións, etc.) e á atención telefónica.

e) As competencias do ámbito asistencial, incluída a prestación de coidados (asistencia a persoas enfermas, con problemas de mobilidade e maiores, entre outras), técnicas e coñecementos sanitarios, de diagnóstico ou de medicina preventiva ou de benestar, entre outros. 

3. As accións formativas solicitadas non deben atoparse incluídas na oferta de formación, formal e non formal, recollida no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2024, ou ata que se produza o esgotamento do crédito asignado a esta convocatoria. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240625/AnuncioG0767-130624-0001_gl.pdf