INEGA CONVOCA AXUDAS PARA PROXECTOS DE AFORRO E EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS EMPRESAS GALEGAS

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento administrativo IN417Y).

1. Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias das presentes subvencións:

a) As empresas legalmente constituídas e persoas autónomas, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. Para os efectos destas bases, terase en conta a definición de empresa recollida no anexo I do Regulamento 651/2014, segundo a cal se considerará empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, pública ou privada, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.

Para poderen ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e deberán contar, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda der lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes. As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016, do 12 de febreiro, para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídas na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos, regulada no capítulo III do citado real decreto.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo poderán solicitar a modificación da reso lución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, e xuntarán unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto. Poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda, segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e coas demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarias deberanse cumprir, como moi  tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

A intensidade da axuda vai en función do regulamento de aplicación:

a) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 de minimis (empresas con actividade de transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura): 1º. A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

b) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética en edificios. A contía da subvención será do 20 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

c) Solicitudes acollidas ao Regulamento (UE) nº 651/2014 (Regulamento xeral de exención por categorías) destinadas a medidas de eficiencia enerxética distintas das dos edificios. A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ás 9.00 horas, e finalizará o 15 de setembro de 2024, ás 23.59 horas.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240715/AnuncioG0474-280624-0001_gl.pdf