XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE APOIO PARA A CONTRATACIÓN DE MULLERES EN OCUPACIÓNS MASCULINIZADAS E PARA A ADAPTACIÓN DE ESPAZOS NAS EMPRESAS

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 9 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR349W)

Con este fin establécense dúas liñas de axudas:

1. Liña de incentivos á contratación por conta allea de mulleres desempregadas.

2. Liña de axudas para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa, de carácter opcional, coa finalidade de eliminar barreiras e/ou obstáculos que impidan ou dificulten o acceso e o desempeño profesional das mulleres en ocupacións masculinizadas.

Persoas empregadoras e entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas. As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Persoas destinatarias finais

1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas as mulleres que sexan contratadas en ocupacións masculinizadas e que cumpran o requisito de estar desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de mulleres que se atopen nalgún dos casos contemplados no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

 Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

1. As contratacións por conta allea de mulleres en ocupacións masculinizadas ou con infrarepresentación feminina na contratación, segundo o disposto no artigo 5.3 desta orde. A dita ocupación e a súa codificación deberá constar no contrato de traballo.

Na sede electrónica da Xunta atópase dispoñible para a súa consulta a relación de ocupacións en que as mulleres están infrarepresentadas, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións. 1.1. Os contratos subvencionables deberán ser de duración indefinida, ben con xornada a tempo completo, ben a tempo parcial. No caso de contratacións a tempo parcial, a xornada será como mínimo do 50 %. Inclúense os contratos de traballo indefinidos para a prestación de servizos fixos descontinuos, que deberán ser a tempo completo e cunha duración mínima de 6 meses. 1.2. O período durante o que se teñen que producir os contratos para que sexan subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 20 de outubro de 2024.

Contía dos incentivos

– Incentivos á contratación.

a) As contratacións indefinidas iniciais a tempo completo de mulleres desempregadas incentivaranse cunha contía base de 15.000 €. No caso de redución de xornada por calquera causa, a contía reducirase en proporción á xornada realizada.

b) As contratacións indefinidas iniciais a tempo parcial (mínimo 50 %) e as contratacións indefinidas fixas-descontinuas (mínimo 6 meses) incentivaranse cunha contía basee de  7.500 €.

As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

I. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

II. Se a muller contratada é unha persoa con discapacidade.

III. Se a muller contratada é maior de 45 anos.

IV. Se a muller contratada é emigrante retornada ou estranxeira.

V. Se a muller contratada é persoa trans

– Gastos derivados de obras de adaptación dos espazos ou dos postos de traballo: O importe máximo da axuda será de 10.000 €.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240718/AnuncioG0767-100724-0001_gl.pdf