CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
ORDE do 2 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI440A).
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres (3) anos, ou menor de doce (12) anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:
a) No caso de unidades familiares non monoparentais de persoas proxenitoras de distinto sexo, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta orde e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
b) No caso de unidades familiares non monoparentais de persoas proxenitoras do mesmo sexo, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta orde e sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
c) No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos, segundo o establecido no artigo 6 desta orde, e sexa persoa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
Accións subvencionables
1. A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres (3) anos ou menor de doce (12) anos no suposto de que teña recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. Inclúese tamén a modalidade de redución de xornada por coidado dunha filla ou fillo afectada/o por cancro ou por calquera enfermidade grave que non reciba a prestación económica regulada no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave. Non será subvencionable a redución de xornada que se acolla ao disposto no artigo 106.1.b) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego publico de Galicia. A redución de xornada terá que ser de, polo menos, o 12,5 % da xornada. Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, en calquera das súas modalidades. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres (3) anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou doce (12) anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de doce (12) anos.
2. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos. Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada nos cales se cumpran os requisitos entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos os dous incluídos, co límite máximo de oito (8) meses.
A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos e custos unitarios: a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700,00 euros (custo unitario nº 1). 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000,00 euros (custo unitario nº 2). 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300,00 euros (custo unitario nº 3).
b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800,00 euros (custo unitario nº 4).
2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100,00 euros (custo unitario nº 5). 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400,00 euros (custo unitario nº 6). c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses): 1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100,00 euros (custo unitario nº 7). 2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400,00 euros (custo unitario nº 8). 3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700,00 euros (custo unitario nº 9).
3. Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de doce (12) anos, nalgún momento do período subvencionable, incluíndo aqueles polos/as cales se solicita a redución de xornada.
4. A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a oito (8) meses ou cando a xornada se realice a tempo parcial. Para o cálculo da contía da axuda, computaranse meses de treinta (30) días.
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240808/AnuncioG0762-010824-0002_gl.pdf