XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA FACILITAR A MOBILIDADE XEOGRÁFICA DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO (PACTO DE ESTADO)

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 16 de outubro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI451B).

O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións destinadas a facilitar a mobilidade xeográfica das mulleres vítimas de violencia de xénero cando, a causa desa situación de violencia, se vexan na necesidade de cambiar a súa residencia habitual como consecuencia da súa contratación por conta allea ou establecemento por conta propia.

Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2024.

A finalidade das axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sufriron violencia machista e apoialas no comezo dunha nova vida ou situación libre de violencia.

Considerarase que existe mobilidade xeográfica cando, como consecuencia da contratación por conta allea ou polo establecemento por conta propia, se produza un traslado efectivo da residencia habitual na Comunidade Autónoma de Galicia a outra localidade de destino que se atope a máis de 50 quilómetros da localidade de orixe.

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as mulleres vítimas de violencia de xénero que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten a súa situación por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida no prazo dos 24 meses anteriores ao cambio de residencia. Para os efectos desta orde, tamén terán a condición de vítima de violencia de xénero as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persona.

b) Que cesasen a relación de convivencia co seu agresor.

c) Que a media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non supere o límite do importe de 3,5 veces o Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente nos 6 meses anteriores á data de presentación da solicitude. Unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima.

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 2 de decembro de 2024.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241025/AnuncioG0762-171024-0002_gl.pdf