XUNTA DE GALICIA CONVOCA BOLSAS E AXUDAS PARA PERSOAS TRABALLADORAS DESEMPREGADAS QUE PARTICIPEN EN ACCIÓNS FORMATIVAS DO SISTEMA DE FORMACIÓN PROFESIONAL (...)

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 13 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de formación profesional dos graos A, B ou C, competencia deste departamento, ou de formación no traballo do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal correspondentes aos exercicios 2024 e 2025 (código de procedemento TR301V).

A orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, ou de especialidades formativas do Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal, financiadas por esta consellería.

Non se inclúe no ámbito de aplicación desta orde a formación impartida nos programas integrados de emprego, nos obradoiros de emprego ou nas accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia

Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desemprega das que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos para cada tipo de bolsa ou axuda.

2. Para os efectos do indicado no punto 1 deste artigo, terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia con situación laboral como non ocupadas, na data de validación da acta de selección do alumnado polas oficinas de emprego.

As tipoloxías de bolsas e axudas reguladas por esta orde son as seguintes:

• Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:

◦ Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.

◦ Membros integrantes dunha familia numerosa.

◦ Membros integrantes dunha familia monoparental.

◦ Vítimas de violencia de xénero.

• Axudas por participar na acción formativa:

◦ Para transporte público, urbano e interurbano.

◦ Para transporte en vehículo propio.

◦ Para manutención.

◦ Para aloxamento e manutención.

◦ Para conciliación.

A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241128/AnuncioG0767-151124-0002_gl.pdf