XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS DE CREACIÓN AUDIOVISUAL PARA O DESENVOLVEMENTO E A PROMOCIÓN DO TALENTO AUDIOVISUAL GALEGO

Axencia Galega das Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e a promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT207E).

Poderán ser obxecto de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais as seguintes modalidades de proxectos:
Modalidade A: axudas á escrita individual de guión en galego. Subvencións para proxectos de guión de obras orixinais ou adaptación de obras literarias para longametraxes cinematográficas. A contía adxudicada por proxecto será de 5.000 euros.

Modalidade B: subvencións a curtametraxes, coas seguintes submodalidades:
B1. Axudas a curtametraxes sobre proxecto en versión orixinal galega cunha duración inferior a 60 minutos. As subvencións terán unha contía de 6.000 euros.
B2. Axudas a curtametraxes en construción, que estean gravadas en versión orixinal galega, teñan unha duración inferior a 60 minutos e realicen os traballos de posprodución en Galicia. As subvencións terán unha contía de 4.000 euros.

Modalidade C: subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega cunha duración igual ou superior aos 60 minutos, que se correspondan con propostas de especial valor artístico e creativo e que conten cun realizador que non dirixise ou codirixise máis de dúas longametraxes cualificadas para a súa explotación comercial en salas de exhibición cinematográfica. As subvencións terán unha contía de 30.000 euros.

Modalidade D: subvencións a proxectos de webserie en versión orixinal galega, cun mínimo de 3 capítulos e unha duración mínima total de 30 minutos, que teñan unha unidade argumental e continuidade entre os episodios.

Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B1 todas as persoas físicas residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen o proxecto para o cal solicitan a subvención de xeito profesional.

2. Poderán optar ás subvencións referidas nas modalidades B2, C e D os/as directores/as residentes, cando menos durante un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que estean constituídos como produtora individual no momento de presentar a solicitude. Así mesmo, poderán optar aquelas persoas xurídicas constituídas como produtoras e dadas de alta na actividade no momento de presentar a solicitude e establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210324/AnuncioG1097-110321-0001_gl.pdf