XUNTA DE GALICIA CONVOCA OS PREMIOS TALENTO MOZO EN GALICIA

Consellería de Política Social
ORDE do 16 de marzo de 2021 pola que se aproban as bases que rexen os premios Talento Mozo Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2021
(código de procedemento BS327A).

Esta orde ten por obxecto a regulación do procedemento de concesión dos premios ao talento mozo na Comunidade Autónoma de Galicia para o recoñecemento de traxectorias excelentes e proxectos impulsados e postos en marcha por mozos e mozas galegos, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

Cos premios Talento Mozo Galicia tratarase de recoñecer e visibilizar o talento e as capacidades da xuventude galega, nas modalidades de ciencia, rural, deporte, empresa e cultura e creación.

Os premios Talento Mozo Galicia que se convocan terán as seguintes modalidades:
a) Ciencia.
b) Rural.
c) Deporte.
d) Empresa.
e) Cultura e creación.

Premios
1. Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas no artigo 2, cuxa dotación económica será de 5.000 euros por modalidade.
As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

2. As persoas premiadas recibirán, ademais da dotación económica do premio, unha distinción honorífica e un diploma acreditativo.

Poderán optar aos premios Talento Mozo Galicia as persoas mozas que reúnan os seguintes requisitos:
1. Ter entre 18 e 35 anos na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
2. Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
3. Contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio a que concorra. Para estes efectos, os méritos que motivan a candidatura deben estar referidos a circunstancias acreditadas con carácter previo á data de publicación da convocatoria.
4. Cumprir coas obrigas previstas no artigo 18 para as persoas premiadas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210330/AnuncioG0425-180321-0003_gl.pdf