CONSELLERIA DO MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS AOS INVESTIMENTOS PARA A ELABORACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS VITIVINICOLAS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2025 (código de procedemento MR361A).

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos recollidos no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comecen esa produción ou comercialización. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

b) As organizacións de produtores vitivinícolas recoñecidas conforme o artigo 152 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e as súas asociacións.

c) As asociacións de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII, parte II, do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013. As asociacións deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

d) As organizacións interprofesionais.

e) As organizacións profesionais.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comeza o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de xaneiro de 2025.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241212/AnuncioG0426-291124-0007_gl.pdf