INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2024 pola que se procede á convocatoria do programa das axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (código de procedemento VI501A).
Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2025 o Programa de axudas para a adquisición de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as tres modalidades que se describen a continuación, as cales se tramitarán co código de procedemento VI501A:
– Modalidade A. Adquisición de vivendas localizadas nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
– Modalidade B. Adquisición de vivendas situadas no ámbito dun centro histórico.
– Modalidade C. Adquisición de vivendas cualificadas definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
Para poder optar á axuda é preciso que:
a) Na modalidade A, a vivenda debe estar localizada nun municipio pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes.
b) Na modalidade B, a vivenda debe estar situada no ámbito dun centro histórico dos citados no anexo da Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se determinan os centros históricos, para os efectos das deducións previstas nos números 14 do artigo 5, e 6 e 7 do artigo 13 ter do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo.
c) Na modalidade C, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial na data de publicación da correspondente convocatoria.
A contía máxima da axuda determinarase en función da modalidade da axuda que se solicite e terá o límite do 20 % do prezo de adquisición da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250114/AnuncioC3Q2-070125-0001_gl.pdf