CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES
ORDE do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (código de procedemento PR487A).
Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia de investimentos realizados en inmobles de titularidade da entidade solicitante ou sobre os cales teña un dereito de uso por convenio ou por calquera outro título, así como equipamentos necesarios para o seu funcionamento, todos eles orientados ao cumprimento dos fins da entidade e o seu funcionamento ordinario, e as obras nas traídas de auga comunitarias.
Para os efectos desta orde, considéranse subvencionables os seguintes proxectos:
a) Liña 1: as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais en que a entidade veciñal ou de mulleres rurais desenvolve a súa actividade e as obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas.
b) Liña 2: a adquisición de equipamentos básicos dos locais, necesarios para o funcionamento ordinario da entidade, integrado por mobiliario, equipamentos de oficina, equipamento informático ou equipamento acústico e audiovisual; e a adquisición doutro equipamento ou mobiliario para actividades específicas, que non terá carácter básico.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Desde o Concello da Estrada botarémosvos unha man para a súa tramitación; podedes chamarnos ao teléfono 986 677 740 ou pasarte pola nosa oficina (1ºandar do concello) sen necesidade de cita previa.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250115/AnuncioG0759-301224-0002_gl.pdf