Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de
concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora e de subvencións COVID-19 para o mantemento do autoemprego na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR937A).
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das dúas liñas de subvencións dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que exerzan a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma galega:
– Liña 1 subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora: teñen por finalidade fomentar o seu establecemento como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
– Liña 2 subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego: destinadas a compensar as perdas provocadas pola redución da actividade económica das persoas traballadoras autónomas ou por conta propia no contexto actual de pandemia.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Requisitos comúns para as dúas liñas de subvencións que deberán cumprirse e acreditarse na data da presentación de solicitudes:
a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 3.
b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.
c) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.
d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Requisitos específicos:
a) Liña 1 subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora:
– Que a data de retorno a España sexa a partir do 1 de xaneiro de 2019, incluído, e que a persoa solicitante non fose beneficiaria desta subvención en convocatorias anteriores.
b) Liña 2 subvencións COVID-19 para mantemento do autoemprego:
Poderán ser beneficiarias as persoas que se atopen nalgunha destas dúas situacións:
b.1) Que a data do retorno a España estea comprendida entre o 1 de xaneiro de 2017 e o 31 de decembro de 2018.
b.2) Que a data do retorno a España estea comprendida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019 e que fose beneficiaria da subvención para promover o autoemprego e a actividade emprendedora da Secretaría Xeral da Emigración na convocatoria do ano 2019.
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2021.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210329/AnuncioG0595-150321-0001_gl.pdf