XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS Á RECONVERSIÓN DA VIÑA EN GALICIA

Consellería do Medio Rural
ORDE do 24 de marzo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan
para o ano 2021 (código de procedemento MR446A).

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas viticultoras e futuros viticultores cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación.
Os requisitos a cumprir polas persoas beneficiarias son:
1. Só poderán figurar nunha única solicitude, agás que a reestruturación e/ou reconversión se leve a cabo en distintas provincias.
2. Deberán ter presentada a declaración de colleita de uva da campaña anterior, agás que non tivesen a obriga de presentala.
3. Cumprir cos requisitos establecidos nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As comunidades de bens ou sociedades civís deberán cumprir as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe da subvención que se vai aplicar por cada un deles (anexo I), que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Tamén deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario correspondan á agrupación. Así mesmo,
deberán acreditar a existencia dun pacto de indivisión da comunidade por un período mínimo de, polo menos, dez campañas contadas desde a campaña seguinte á que solicite o pagamento final.

Poderá subvencionarse unha ou varias das seguintes actuacións:
a) Reimplantación de viñas.
b) Reconversión varietal.
c) Mellora das técnicas de xestión de viñas.

Importe
Estas axudas finánciaas a Unión Europea, na súa totalidade, a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga 100 %): 3.000.000 €.
As axudas poderán ser de:
a) Compensación pola perda de ingresos (2.226 euros/ha e campaña, de ser o caso).
b) Custos de reestruturación e reconversión da viña (50 % dos custos subvencionables).

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210330/AnuncioG0426-250321-2_gl.pdf