AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA
RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2025 (código de procedemento TU503A).
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos nos que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
2. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra.
Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.
3. Non son gastos subvencionables aqueles conceptos que non estean directamente relacionados coa actuación subvencionable e, en ningún caso, os seguintes:
a) Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
b) Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como enxoval de cociña e comedor, enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.
c) Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría,...).
d) Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.
e) Gastos de conectividade.
f) Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250211/AnuncioG0256-270125-0001_gl.pdf