CONSELLERIA DE MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS Á COLLEITA EN VERDE DA VIÑA EN GALICIA

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 4 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á colleita en verde da viña en Galicia e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR446C).

A axuda á colleita en verde concederase para a acción de vendima manual e consistirá na destrución ou eliminación total dos acios de uvas de viñedos que se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente de plantacións de viñedo, cando aínda están inmaturos, de maneira que se reduza a cero o rendemento da parcela, sen que poidan existir uvas sen vendimar na parcela de viñedo obxecto da axuda.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

A axuda consistirá nunha compensación ás persoas viticultoras pola perda de ingresos debida á execución da operación e nunha contribución aos custos incorridos na devandita operación.

A compensación pola perda de ingresos consistirá nunha compensación económica do 50 % ao resultado do produto do:

a) Rendemento medio da parcela obxecto da axuda considerando para o seu cálculo a media aritmética das tres últimas campañas vitícolas. No caso de que este rendemento medio supere o rendemento medio obtido do informe da vendima da denominación de orixe, o rendemento medio que se aplicará estará limitado polo informe da vendima.

b) Valor medio da uva. O valor medio da uva para esta convocatoria é de 1,17 €/kg, proveniente do prezo medio da uva das últimas tres campañas de que se dispón de datos (2021, 2022 e 2023).

A contribución polos custos incorridos será o resultado de aplicar a porcentaxe do 50 % ao custo unitario correspondente.

O prazo de presentación iníciase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 25 de abril 2025.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250409/AnuncioG0426-310325-0004_gl.pdf