CONCELLO DA ESTRADA CONVOCA AXUDAS DE APOIO Á ESCOLARIZACIÓN PARA O CURSO 2023-2024 (2)

BASES REGULADORAS DA CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS MUNICIPAIS DE APOIO Á ESCOLARIZACIÓN PARA O CURSO 2023/2024.

As axudas de apoio á escolarización dirixidas a familias en situación de dificultades socio-económicas contémplanse como unha prestación social no marco das Axudas de Emerxencia Social polo seu carácter extraordinario e finalista.

O obxecto da convocatoria é regular o procedemento para a concesión de subvencións a familias residentes no concello da Estrada, para o financiamento dos gastos derivados da escolarización dos membros da unidade familiar para o curso 2023/2024 en centros educativos sostidos con fondos públicos, relativos a:

— Adquisición de libros de texto e material escolar curricular dos/as nenos/a matriculados/as no segundo ciclo de educación infantil.

— Servizo de comedor das/os alumnas/os matriculados/as no segundo ciclo de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria.

2ª TIPOS DE AXUDAS.

— Axudas para adquisición de libros de texto e material escolar para a 2ª etapa de Educación Infantil. No concepto de material escolar inclúese todo o material preciso para o desenvolvemento do curso académico en función das obrigas de cada centro educativo e as súas técnicas de aprendizaxe.

— Axudas para o pago do comedor escolar (de setembro a xuño, ambos incluídos) para alumnas/os matriculadas/os nos niveis de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria obrigatoria.

A contía das axudas en cada unha das modalidades para o curso 2023/2024 son:

1.- Axuda para o pago de material escolar

— O importe máximo da axuda e de 100 euros por alumno/a. As axudas abonaranse en función do gasto realizado e xustificado, dando lugar, se é o caso, a unha minoración da contía inicialmente concedida.

2.- Axuda para o pago do comedor escolar

Segundo a puntuación total acadada na valoración das solicitudes conforme os criterios de valoración e baremación establecidos no apartado 9 o importe da axuda para pago de comedor escolar a conceder segundo o intervalo da puntuación acadada será seguinte:

— De 0 a 5 puntos: 30% do gasto

— De 6 a 10 puntos: 50 % do gasto

— De 11 a 15 puntos: 75% do gasto

— De 15 a 20 puntos: 100% do gasto

O importe da subvención a pagar será a porcentaxe que corresponda sobre o gasto xustificado, deducindo o importe de outras axudas ou/outras subvencións recibidas.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao dia seguinte da publicación das Bases da Convocatoria no Boletín Oficial de Provincia de Pontevedra e permanecerá aberto ata 20 días hábiles seguintes.

Máis información nos Servizos Sociais do Concello da Estrada: 986 677 696

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2023/08/08/2023052035