DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA O PROGRAMA CULTUREA PARA O ANO 2026

25. 12. 16

BASES REGULADORAS PARA O ANO 2026 DO PROGRAMA “CULTUREA” DE APOIO Á PROMOCIÓN CULTURAL DE AGRUPACIÓNS OU ASOCIACIÓNS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

Estas bases teñen por obxecto regular os criterios de concesión das solicitudes de actuación de grupos con cargo ao programa “Culturea”, de apoio á promoción cultural de agrupacións ou asociacións da provincia de Pontevedra, que se desenvolverán na provincia de Pontevedra durante o ano 2026.

As solicitudes resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito.

Poderán ser persoas beneficiarias das actuacións, con cargo a esta convocatoria, as agrupacións ou asociacións sen fins de lucro legalmente constituídas e inscritas no rexistro administrativo correspondente ou as entidades locais menores, da provincia de Pontevedra.

A través deste programa as entidades beneficiarias poderán solicitar a autorización de actuacións de grupos do Catálogo de grupos Culturea previsto na base quinta, nas súas actividades culturais realizadas na provincia de Pontevedra durante o ano 2026 que deberán ir dirixidas ao público en xeral e ser de entrada libre.

No cómputo xeral de actuacións autorizadas a cada un dos grupos non se superará o número de 14 actuacións anuais.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.

O prazo de presentación de solicitudes de actuacións comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

As solicitudes deberán presentarse cunha antelación mínima de 15 días naturais con respecto á data de realización da actuación.

DOCUMENTACIÓN A ACHEGAR:

• Cartel publicitario en galego do evento (segundo a normativa da Real Academia Galega) e en formato PDF, que deberá seguir as directrices de publicidade corporativa para a elaboración de carteis, dispoñibles na sede electrónica da Deputación de Pontevedra. O cartel deberá recoller a totalidade da programación ou actuacións previstas no evento, así como, de ser o caso, todos os patrocinadores, colaboradores e entidades participantes, e deberá incluír, en todo caso: o nome da entidade peticionaria, o nome do grupo ou grupos solicitados, a denominación do evento, a data e o lugar da actuación e o logotipo/ publicidade da Deputación de Pontevedra.

• Só no caso de que se solicite a impresión de carteis en formato A3, deseño propio da maqueta do cartel, en formatos abertos (InDesing ou similares) ou PDF.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2025/12/16/2025080773