Ten como fin que a veciñanza da provincia de Pontevedra poida acceder a actividades de lecer saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros (balnearios, talasos ou spas)
O programa “+Benestar” 2026 contará con 2.127 prazas, das que poderán beneficiarse as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
1. Estar empadroadas na provincia de Pontevedra.
2. Ter 55 anos ou máis.
3. Para persoas menores de 55 anos, deberán concorrer nelas algunha das seguintes circunstancias:
• Ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 %, o que se acreditará coa tarxeta ou o certificado de recoñecemento do grao de discapacidade.
• Posuír a condición de pensionista polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outros.
• Ter aprobada a resolución do programa individual de atención no que se recoñeza a condición de persoa coidadora doutra persoa con recoñecemento de dependencia a través do Sistema para a Atención e Autonomía á Dependencia (SAAD). Na súa falta, as persoas que non cumpran co anterior, deberán acreditar, polos servizos sociais comunitarios básicos do seu Concello, a necesidade dun respiro familiar.
4. Non sufrir ningunha enfermidade ou patoloxía incompatible coa actividade do programa.
5. Non padecer alteracións de comportamento que poidan perturbar a normal convivencia nos establecementos nin enfermidades con risco de contaxio.
6. Poder realizar as actividades elementais da vida diaria de forma autónoma.
Acompañantes:
A persoa solicitante poderá ir acompañada doutra persoa coa que desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra tamén todos os requisitos esixidos na data na que termine o prazo de presentación de solicitudes.
O prazo para presentar as solicitudes será de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
Co fin de posibilitar a tramitación electrónica do procedemento e o tratamento automatizado de datos categorizados, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente empregando o formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal), no que se inclúe a declaración responsable de estar ao corrente no cumprimento das obrigacións tributarias e coa Seguridade Social, así como de que non está incursa en causas de prohibición para obter a condición de persoa beneficiaria de subvención previstas nos apartados 2 e 3 da LSG.
Opcionalmente, as solicitudes poderán presentarse de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, mediante o formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Deputación de Pontevedra que, unha vez cuberto, xerará a solicitude en formato PDF, a cal deberá imprimirse e asinarse obrigatoriamente para a súa presentación presencial.
https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2026/02/20/2026008363
