GOBERNO DE ESPAÑA ANUNCIA A CONVOCATORIA BOLSAS MEDRANO PARA IMPULSAR A MOBILIADADE ENTRE UNIVERSIDADES ESPAÑOLAS

26. 03. 12

O programa contará cun orzamento de 18,8 M€ e beneficiará con 900€ mensuais a cada estudante.

O programa recupera o espírito das antigas bolsas Séneca, eliminadas en 2013, e denominarase bolsas Luisa de Medrano, en honra á primeira muller que, en 1508 na Universidade de Salamanca, ocupou unha cátedra universitaria en España.
 
A iniciativa ten como obxectivo fomentar que o estudantado poida cursar parte dos seus estudos de grao nunha universidade distinta á de orixe dentro do territorio nacional, garantindo o recoñecemento académico das materias superadas e reforzando a cohesión do sistema universitario español.
 
A mobilidade interterritorial enriquece a experiencia formativa do alumnado, favorece o coñecemento doutras realidades académicas e culturais do país e contribúe a reforzar a igualdade de oportunidades no acceso á mobilidade universitaria, evitando que esta dependa do nivel de renda familiar.
 
Bolsas de 900 euros ao mes durante nove meses
 
A primeira convocatoria prevé conceder ata 2.300 bolsas para o curso académico 2026-2027, un 12% máis que na última convocatoria do programa Séneca de 2012.
 
As novas bolsas terán unha contía de 900 euros mensuais (400 euros máis que as antigas Séneca) durante nove meses, un curso completo, o que supoñerá que cada estudante recibirá 8.100 euros.
 
O importe abonarase nun único pago a diferenza das antigas bolsas Séneca, cuxo pago era mensual.
 
Tamén existirá un complemento para estudantes que se despracen desde ou cara a universidades de fóra da península.
 
Requisitos para solicitar a bolsa
 
As bolsas están dirixidas a estudantes matriculados ou matriculadas en titulacións oficiais de grao en universidades españolas, públicas ou privadas, que superasen polo menos 60 créditos, de modo que a mobilidade se realice a partir do segundo curso. Para poder solicitar a axuda, o estudantado deberá obter previamente unha praza no Sistema de Intercambio entre Centros Universitarios de España (SICUE), xestionado pola Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), que organiza os intercambios académicos entre universidades do país.
As estancias deberán realizarse en réxime de estudos presenciais e esixirán o traslado a unha universidade situada noutra provincia, co correspondente cambio de residencia.
 
Selección das persoas beneficiarias
A selección das persoas beneficiarias realizarase en réxime de concorrencia competitiva.
Valorarase que o campus onde se impartan os estudos na universidade de destino estea situado nunha cidade pequena ou intermedia, así como a distancia entre a universidade de orixe e a de destino.
A convocatoria tamén reservará ata un 5% das prazas para estudantes con discapacidade, reforzando así a inclusión no programa.
 
Tramitación da convocatoria
Durante os próximos meses tramitaranse a orde de bases e a convocatoria, que deberá ser aprobada polo Consello de Ministros tras solicitar os informes preceptivos dos distintos órganos da Administración.
 
O obxectivo é que a primeira convocatoria se  publique neste ano 2026 e permita financiar a mobilidade correspondente ao curso académico 2026-2027.
 
A partir do curso 2027-2028, o calendario adiantarase para que o estudantado coñeza con antelación se recibirá a bolsa antes do inicio do curso académico e poida planificar con maior seguridade a súa estancia noutra universidade.
 
Este programa de bolsas será xestionado polos ministerios de Educación, Formación Profesional e Deportes e de Ciencia, Innovación e Universidades.