XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DOS ESTABLECEMENTOS TURISTICOS DE ALOXAMENTO E RESTAURACIÓN

26. 03. 12

AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración da Comunidade Autónoma de Galicia e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento TU503A).

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) Os restaurantes incluídos no Grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, debidamente inscritos e clasificados no REAT.

En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.

3.3. Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

3.4. Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento da contorna da instalación.

3.5. Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.

3.6. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.

3.7. Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento. O investimento en equipamentos e telefonía móbil non poderá ser superior ao 5 % do orzamento total do proxecto ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

3.8. Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.

O investimento neto admitido será de ata 100.000,00 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260312/AnuncioG0256-020326-0001_gl.pdf