CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE
ORDE do 30 de marzo de 2026 pola que se regula a oferta de prazas para actividades xuvenís dentro do programa Campaña de verán 2026 e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS303A).
As persoas participantes nas actividades xuvenís da programación da Campaña de verán 2026 disporán dos seguintes servizos:
a) Un programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial que posibilite a participación da persoa moza.
b) O aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil, campamento xuvenil ou aloxamento turístico.
c) A manutención en réxime de pensión completa.
d) O material necesario para o desenvolvemento da actividade xuvenil.
e) Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, de ser o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con discapacidade que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase de persoal que conte coa formación e experiencia necesarias para atendelas.
f) A atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
g) No caso de intercambios noutras comunidades autónomas, o transporte desde Santiago de Compostela, que será o punto de saída, ata o lugar de destino do intercambio, así como o retorno ata o mesmo punto de saída. O traslado ata Santiago de Compostela o día de saída e o traslado para a recollida da persoa menor, no mesmo lugar, o día de retorno, será por conta da persoa interesada. No suposto de abandono da actividade ou expulsión da persoa participante, será responsabilidade das persoas proxenitoras, titoras legais ou acolledoras o traslado para o regreso ao seu domicilio, así como os gastos que se ocasionen.
Poderán solicitar a súa participación nas actividades xuvenís ofertadas nesta convocatoria as persoas mozas residentes en Galicia, nacidas no ano sinalado no anexo I para cada actividade.
Para participar nestas actividades, o/a menor solicitante deberá ter expedido e en vigor o DNI ou NIE na data de presentación da solicitude.
En canto ás idades mínima e máxima para participar na Campaña de verán 2026, as persoas nacidas no ano 2017 deberán ter 9 anos ao inicio do campamento e as persoas nacidas no ano 2008 non poderán facer os 18 anos antes da finalización do campamento.
Para ser admitida/o no campamento será necesario non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260415/AnuncioG0766-300326-0005_gl.pdf
