Consellería de Emprego e Igualdade
RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas de indemnización económica, dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI460A).
As axudas a que se refire esta resolución fan referencia ás seguintes modalidades:
1. Axudas de indemnización económica dirixidas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, e que dependesen economicamente da súa nai e/ou do seu pai agresor.
2. Axudas de indemnización dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero.
Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no punto 1 do artigo 2 desta resolución, en réxime de igualdade, cada un dos fillos e fillas da vítima mortal da violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, sempre que na data do falecemento da súa nai cumprisen algún dos seguintes requisitos:
a) Ser menores de idade e convivir coa nai, independentemente da renda familiar.
b) Ser maiores de idade ata 30 anos inclusive, e depender economicamente da nai e/ou do pai agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando, na data do falecemento, as persoas beneficiarias non percibisen rendas, de calquera natureza, que, en cómputo anual, superen 12 mensualidades do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.
Poderán ser persoas beneficiarias da indemnización prevista no punto 2 do artigo 2 desta resolución as mulleres feridas gravemente, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión de violencia de xénero, sempre que na data en que se producisen os feitos se cumprisen os seguintes requisitos:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.
b) Estar empadroada e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das mulleres estranxeiras, tamén será necesario ter permiso de residencia e de traballo.
c) Atoparse nunha situación de precariedade económica. Entenderase que se produce unha situación de precariedade económica cando os ingresos da unidade familiar de convivencia a que pertenza a beneficiaria divididos polo número de membros que a compoñen non superen o importe do IPREM vixente, durante os 12 meses anteriores. Artigo 4.
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de novembro de 2022.
Toda a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211227/AnuncioG0599-141221-0005_gl.pdf
Lembra!!! O CONCELLO DA ESTRADA TEN Á TÚA DISPOSICIÓN O CENTRO DE INFORMACIÓN Á MULLER ASÍ COMO UN GABINETE XURÍDICO TOTALMENTE GRATUÍTO.
Podes chamar para máis información ao teléfono: 986 677 719