O PERIGO DE DIFUNDIR BULOS SOBRE AS PERSOAS INMIGRANTES

22. 11. 10

Un 11,25% da poboación española é estranxeira, cinco millóns de persoas segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). É un colectivo sometido a acusacións frecuentes referidas a aspectos económicos como o seu suposto tren de vida elevado ou a súa captación de axudas e empregos que pertencen a outros.

Do total de persoas estranxeiras case 3.000.000 (2.419.877 no mes de agosto), cotizan á seguridade social, é dicir, TEÑEN UN TRABALLO E CONTRIBUEN COS SEUS IMPOSTOS AO NOSO ESTADO DO BENESTAR.

BULO 1: AS PERSOAS INMIGRANTES SÓ VIVEN DE AXUDAS E ADEMAIS QUÍTANNOLAS AOS ESPAÑOIS

A simplificación (“os inmigrantes quítannos as axudas”) é unha das tácticas de propaganda máis utilizadas ao longo da Historia. As axudas en España non se dan por razón de orixe ou nacionalidade, senón en función do nivel de renda, de criterios socioeconómicos. Iso significa que, se os inmigrantes os cumpren, tamén deben recibilas, como establece a normativa.

A Lei de Estranxeiría afirma no seu artigo 14 que “os estranxeiros residentes teñen dereito aos servizos e ás prestacións sociais, tanto ás xerais e básicas como ás específicas, nas mesmas condicións que os españois”.

Segundo o INE, o 21,7% dos españois estaba en risco de pobreza ou exclusión social en 2019. Ese mesmo ano, estaban na mesma situación o 46,2% da poboación estranxeira de orixe europea e o 54,2% da poboación estranxeira de orixe non comunitaria. A diferenza é de máis do dobre, e por iso estas cifras utilízanse a miúdo para presentar aos estranxeiros como grandes receptores de fondos, aínda que en cifras absolutas a poboación estranxeira é menor que a española. Ante unha situación de marxinalidade existe a obrigación de intervir dos poderes públicos.

O artigo 14 da Lei de Estranxeiría aclara que “os estranxeiros, calquera que sexa a súa situación administrativa”, é dicir, con papeis ou sen eles, teñen dereito a “servizos e prestacións sociais básicas”, tales como prazas de urxencia en albergues ou comedores sociais. Na práctica, numerosos obstáculos impiden aos inmigrantes, ademais de traballar de maneira legal, acceder a moitas das axudas sociais ás que un español pode acceder. Só os estranxeiros empadroados e con residencia legal en España teñen o mesmo dereito que os españois para acceder ás prestacións sociais.

 

BULO 2: AS PERSOAS INMIGRANTES COBRAN A "PAGUITA DEL ESTADO"

Non existe unha paga específica para os inmigrantes, ningunha prestación social só para eles, ningún trato de favor. É un mito estendido que esta sí se concede e que mesmo provoca un “efecto chamada”.

Para os irregulares, máis aló dos servizos básicos, a única forma de acceder a axudas sociais é regularizarse. O proceso de regularización, conseguir a residencia en España, pode chegar a ser un calvario para moitos. A nosa lei de estranxeiría é do ano 2000, está obsoleta e desactualizada, ten unha chea de requisitos que fan case imposible a regularización administrativa das persoas migrantes”.

O uso de expresións descalificadoras con sinal na memoria colectiva (“a paguita” o é) pode considerarse un exemplo da técnica propagandística clásica do “símbolo ou termo”. Está destinada a estigmatizar a grupos, colectivos, prácticas ou estados mediante a expansión dunha etiqueta que os sinala negativamente (como cando se di “eixo do mal” para referirse a un conxunto de países.

BULO 3: AS PERSOAS INMIGRANTES QUÍTANNOS O TRABALLO AOS ESPAÑOIS

Os datos contradin o mito de que os estranxeiros “rouban” o traballo aos españois: os afiliados á Seguridade Social o 29 de xaneiro de 2021 eran 2.045.631 estranxeiros e 16.781.000 españois. Isto supón que o 10,86% dos afiliados á seguridade social eran estranxeiros, cifra moi parecida ao 11% de poboación estranxeira en España.
 
Nada nestes datos permite suxerir que os estranxeiros “rouben” o traballo dos españois. Ademáis as persoas estranxeiras realizan normalmente traballos que polas súas duras condicións non queren ser realizados por nacionais e na meirande parte dos casos en condicións que vulneran os seus dereitos laborais e humanos. 
 
Tampouco “rouban” o paro. En 2019 accederon a prestacións por desemprego unha media anual de 192.242 traballadores estranxeiros e de 1.668.858 españois. É dicir, que dos beneficiarios de prestacións de desemprego, só un 10,33% é de orixe estranxeira.
 
BULO 4: AS PERSOAS INMIGRANTES DESPREZAN AS AXUDAS E TIRAN A COMIDA AOS COLECTORES DE LIXO
 
Sistematicamente circulan bulos que se comparten en redes sociais e teñen que ver cunha suposta “falta de civismo”, de “valores democráticos” ou mesmo de hixiene dos colectivos inmigrantes. Realizar xeneralizacións deste tipo é especular (desinformar) a partir dunha ausencia completa de datos ou probas.
 
BULO 5: AS PERSOAS INMIGRANTES CHEGAN A ESPAÑA EN AVALANCHA E DE MANEIRA VIOLENTA
 
Moitas publicacións menosprezan aos inmigrantes falando deles como “avalancha”. Estas mensaxes non teñen en conta que a migración é un dos fenómenos globais máis importantes do noso século e que non só ocorre no noso país.
Segundo Nacións Unidas, no ano 2019 un 3,5% da poboación mundial era inmigrante. Son 272 millóns de persoas.
 
BULO 6: A MAIORIA DE DELITOS EN ESPAÑA SON COMETIDOS POR PERSOAS INMIGRANTES 
 
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística correspondentes ao ano 2021, o 75 por cento dos delitos cometidos en España corresponden a persoas con nacionalidade española. Ademais, un 6% corresponden a cidadáns doutros países da Unión Europea. Ademais, segundo o Ministerio do Interior, a delincuencia non está a crecer en España, senón todo o contrario: a taxa de criminalidade en España no segundo trimestre de 2022 é de 46,2 infraccións penais por cada mil habitantes, 0,6 puntos por baixo da de 2019, que é o ano de referencia debido á pandemia.
 
BULO 7: OS MENAS (MENORES ESTRANXEIROS NON ACOMPAÑADOS) SUPOÑEN UN GRAN CUSTE PARA O ESTADO E SON UN FOCO DE VIOLENCIA
 
Os MENAS son nenos, nenas e adolescentes menores de 18 anos que chegan a España sen axuda nin coidado dun adulto. Sen embargo, detrás deste acrónimo escóndese a realidade de miles de mozos e mozas que ven forzados a abandonar os seus fogares fuxindo de situacións de pobreza, conflitos armados e graves vulneracións dos dereitos humanos.
 
Segundo os últimos datos de UNICEF, España realiza un investimento en familia e infancia moi por baixo da media da Unión Europea, tan só un 1,3% do PIB, a pesar de ter unha taxa de pobreza infantil do 27,4%. O diñeiro destinado especificamente a menores non acompañados representa unha cantidade aproximada do 0,002% do PIB español.
 
 
POR QUÉ É IMPORTANTE A INMIGRACIÓN EN ESPAÑA
 
Desde 2015 a tendencia ininterrompida en España é un crecemento vexetativo negativo, é dicir, a poboación decrece ao haber menos nacementos que falecidos. Como exemplo, as cifras provisionais do INE de xaneiro a xuño de 2020: unha vez restados os nacementos ás defuncións, a poboación reduciuse en 94.326 persoas. A pesar desta tendencia a poboación total do noso país aumentou durante o mesmo período grazas ao saldo migratorio positivo, que segundo o mesmo INE lanzou 113.856 persoas que inmigraron ao noso país.
 
Grazas aos cinco millóns de estranxeiros que rexistra o INE mantense o crecemento poboacional de España, a pesar dun envellecemento xeral da poboación que os expertos consideran unha ameaza para o futuro. O envellecemento implica a dificultade de soster o sistema de pensións, sustentado sobre as cotizacións dos traballadores.
 
Segundo un estudo do Real Instituto Elcano de 2015, o crecemento da poboación grazas á chegada de inmigrantes entre 1998 e 2012 supuxo “un alivio momentáneo ás proxeccións sobre a sustentabilidade do sistema de pensións”.
 
POR QUÉ É IMPORTANTE A INMIGRACIÓN NA ESTRADA
 
Pola mesma razón que o é no conxunto do estado. Actualmente A Estrada conta cunha poboación de 20.261, 90  segundo datos publicados polo INE (a 1 de xaneiro de 2021). Polo número de habitantes que temos é que "xogamos na liga" dos grandes concellos; o cal repercute en maiores partidas orzamentarias por parte do estado; máis servizos administrativos; máis inversión etc. No caso de que baixásemos dos 20.000 habitantes, a situación sería totalmente diferente e pasariamos a "xogar nunha liga máis baixa".
 
A sociedade española está cambiando, e a estradense tamén, cada vez téñense menos fillos, a poboación está máis envellecida e a xente máis xove decide marchar ás cidades. Por iso o papel que xogan as persoas inmigrantes na Estrada é importantísimo, xa que axudan a manter os datos de poboación e polo tanto a que o noso concello poida seguir prestando todos os servizos que presta e nas mellores condicións, 
 
Entre todos e todas podemos contribuir a crear unha sociedade mellor, por tanto, NON CREAS TODO O QUE VES NAS REDES SOCIAIS e NON DIFUNDAS INFORMACIÓN SE NON ESTÁS 100% SEGURO/A DE QUE É CERTA.