Se tes unha hipoteca con tipo de interese variable, a recente subida dos tipos de interese non che pasará desapercibida. O aumento da cota hipotecaria, xunto ao forte crecemento dos prezos, poden facer que teñas dificultades para chegar a fin de mes.
O Real Decreto-lei 19/2022, recentemente aprobado, contempla unha serie de medidas para aliviar a carga da túa hipoteca se cumpres determinados requisitos, que o sector bancario comprometeuse a aplicar mediante a súa adhesión a dous códigos de boas prácticas.
Ten en conta que estas medidas só afectan as hipotecas sobre vivenda habitual e que só poderás acollerte a elas se cumpres as seguintes condicións:
1) Se o teu fogar ten unha hipoteca sobre vivenda habitual cuxo prezo de adquisición non exceda os 300.000 euros, unha renda inferior a tres veces e media o IPREM* (é dicir, 29.400 euros anuais previstos para 2023), unha carga hipotecaria superior ao 30 % da renda e que, ademais, subise, polo menos, un 20 %, poderás durante un prazo de dous anos:
- Conxelar a cota hipotecaria durante 12 meses
- Cambiar o tipo variable por un fixo
- Obter un alongamento do prazo do préstamo de ata 7 anos
2) Se a túa renda é inferior a 25.200 euros ao ano (tres veces o IPREM) e dedicas máis do 50 % da túa renda mensual ao pago da hipoteca e este esforzo incrementouse, podes:
- Solicitar unha carencia de 2 anos
- Pagar un tipo de interese menor durante a carencia
- Obter un alongamento do prazo de ata 7 anos
Ademais, se o incremento do teu esforzo para pagar a hipoteca (parte da túa renda que dedicas a paga a cota) é superior ao 50 %, a túa carencia poderá ser de 5 anos, o tipo de interese durante o período de carencia será aínda máis baixo (Euribor menos 0,10%) e poderás ampliar o prazo de amortización ata un total de 40 anos desde a concesión.
En relación coa dación en pago, se o plan de reestruturación que solicitaches resultou inviable, duplícase a dous anos o tempo en que podes obter a dación en pago.
Se o teu plan resultou viable pero tes dificultades para atender os pagos, tamén poderás cursar esta solicitude.
Ademais, podes solicitar unha segunda reestruturación se ao terminar a carencia da primeira segues en situación de vulnerabilidade. Introdúcense tamén medidas para reducir o custo destas modificacións dos contratos, como a exención do imposto de Actos Xurídicos Documentados ou un réxime específico para os gastos de notarios e rexistradores.
As entidades terán que garantir estes dereitos mesmo se cederon o teu crédito a terceiros. Tamén é importante resaltar que, se non cumpres as condicións anteriores, podes amortizar anticipadamente a túa hipoteca ou solicitar ao teu banco cambiar o tipo de variable a fixo sen pago de comisións durante todo 2023.
Información completa: https://www.lamoncloa.gob.es/consejodeministros/resumenes/Paginas/2022/221122-rp-cministros.aspx
Acceso ao Real Decreto-lei 19/2022: https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2022-19403