Algúns contribuíntes veranse beneficiados/as das novidades introducidas por Facenda.
Queda menos dun mes para que comece a campaña da Declaración da Renda 2023-2024, que arrancará o 3 de abril e concluirá o 1 de xullo de 2024, sendo o 26 de xuño o último día para presentar a declaración 'en liña'.
Quen debe facer a declaración Esta data está marcada, sobre todo, nos calendarios de todas aquelas persoas que percibisen máis de 22.000 euros nos 12 meses anteriores cun único pagador. A cifra redúcese ata os 15.000 euros cando se tiveron dous ou máis pagadores durante o ano 2023.
Ademais, deberán facela tamén:
- As persoas perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV).
- Se se recibiron máis de 1.000 euros de rendas inmobiliarias, subvencións e letras do tesouro.
- Se se recibiron máis de 1.600 euros de rendementos do capital mobiliario, rendementos de actividades económicas e ganancias patrimoniais.
- Se se perderon máis de 500 euros por perdas patrimoniais.
- Os/as autónomos/as que obtivesen rendementos superiores a 1.000 euros, xa sexa por actividades económicas ou rendas inmobiliarias.
Novidades na Declaración da Renda
Entre as novidades que incorporou a Axencia Estatal de Administración Tributaria, atópase a obrigación da axencia de devolver entre 400 e 900 euros aos contribuíntes, con ingresos que oscilaron entre os 22.000 e 35.200 euros o pasado ano. Esta obrigación ten a súa orixe en 2022, cando se produciu por parte do Ministerio de Facenda a modificación do Regulamento do IRPF. Neste caso aprobouse unha rebaixa fiscal das retencións deste gravame, e cando hai unha baixada de retencións pola empresa sobre o soldo, despois hai un maior axuste fiscal.