Existen unha serie de trámites necesarios para que a sociedade a constituír teña personalidade xurídica.
a) CERTIFICACIÓN NEGATIVA DE NOME
Consiste en solicitar certificación de que non existe inscrita outra sociedade mercantil con idéntica denominación, e será expedida polo Rexistro Central de Sociedades Mercantís. Podemos facer isto en liña. A denominación certificada quedará reservada a favor da sociedade solicitante por un período de 6 meses a contar desde a data da certificación. Nos 3 meses seguintes o nome deberá quedar rexistrado perante o notario. En caso contrario, deberá iniciar de cero este trámite.
b) ESCRITURA DE CONSTITUCIÓN
A ou as persoas promotoras reunidas deciden a creación da sociedade de responsabilidade limitada e presentan e debaten o proxecto de Escritura; deciden cales serán as achegas ao capital social, e a numeración das mesmas en forma de participacións; a persoa(s) que inicialmente encargaranse da representación da sociedade. Ademais do anterior, tamén o modo que vai organizarse a administración. E calquera outro acordo que as promotoras decidan.
Contido mínimo: denominación social;obxecto social; data de peche do exercicio social;domicilio social; capital social, as participacións nas que se divide e o seu valor nominal e numeración correlativa; modo nos que se organiza a administración da sociedade.
c) APERTURA CONTA BANCARIA
A(s) persoa(s) socia(s) promotora(s) depositarán a cantidade acordada en conceptos de capital social nunha conta bancaria a nome da sociedade.
d) OUTORGAMENTO DA ESCRITURA PÚBLICA ANTE NOTARIO
A(s) persoas socias promotoras da sociedade limitada deben acudir a notaría para formalizar a Escritura da Constitución da SRL. A esta firma deben levar o Certificado de Denominación e o Certificado da Entidade Bancaria sobre a achega do capital social na conta que está a nome da empresa.
e) INSCRICIÓN DA SOCIEDADE NO REXISTRO MERCANTIL
Unha vez e outorgada ante notario a escritura de constitución, debemos rexistrar a nova sociedade. Sen este trámite a sociedade non tería personalidade xurídica.
https://www.registradores.org/el-colegio/registro-mercantil
f) TRÁMITES ANTE A AXENCIA TRIBUTARIA
- Solicitude do Código de Identificación Fiscal (CIF) que serve para identificar a sociedade a efectos fiscais; primeiro o provisional, e unha vez rexistrada formalmente a sociedade o definitivo, emprégase o modelo 036.
- Declaración previa ao inicio da actividade, emprégase o modelo 036, e indicando o epígrafe ou epígrafes do IAE que correspondan, segundo as actividades que se vaian desenvolver.
- Declaración de alta no censo de empresarios e opcións de IVE, retencións e pagamentos a conta. Emprégase tamén o modelo 036.
g) TRÁMITES ANTE A SEGURIDADE SOCIAL
Na Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS) debemos realizar os seguintes trámites:
- Inscrición da empresa e alta/afiliación das persoas socias á Seguridade Social.
- Afiliación ou alta no Réxime Xeral das persoas traballadoras contratadas por conta allea.
https://www.seg-social.es/wps/portal/wss/internet/Empresarios
h) OUTROS TRÁMITES
Trámites que temos que realizar nos distintos organismos que correspondan:
- Na Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda: liquidar o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITPAXD), segundo formulario oficial. Modelo 600.
- Na Delegación Provincial da Consellería de Traballo: tramitar a comunicación de apertura do centro de traballo, segundo o impreso oficial.
- No Concello: tramitar a licenza de apertura, licenzas de obra, etc.
- No rexistro da Propiedade Inmobiliaria: inscrición de bens inmobles, de ser o caso.
- No Rexistro da Propiedade Industrial: de ser o caso, inscrición de nomes comerciais, patentes, marcas, deseños industriais, modelos de utilidade e rótulos.
- Plan de prevención de riscos laborais específicos da actividade. Este aspecto pode ser contratado a unha empresa externa.
- Obtención do calendario laboral. Na Inspección de Traballo.
i) LIBROS SOCIAIS E CONTABLES
Unha sociedade debe levar en orde e ao día os seguintes libros sociais e contables:
- Libro rexistro de persoas socias.
- Libro rexistro de participación no capital social, valor nominal e numeración.
- Libros de actas.
- Libros contables; o de inventarios e balances (recolle contas e balances globais) e o diario (operacións diarias detalladas)
Actualmente, o Rexistro Mercantil ten posto ao dispor da cidadanía unha aplicación informática chamada Legalia.
Grazas a este sistema, pódense achegar documentos en diferentes formatos xerando un arquivo . ZIP para inscribilos. Por suposto, necesitará un certificado dixital recoñecido para poder acceder ao Rexistro. Tras cargar o ficheiro, xeraranse un resgardo en formato XML e un acuse de recibo.
*FONTE: FEGAMP