O permiso de lactación para os casos de nacemento, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento xa pode acumularse desde hoxe, 23 de maio de 2024, en xornadas completas, aínda que esta posibilidade non veña recollida no convenio colectivo de referencia da persoa traballadora ou o pactara así coa súa empresa. Así quedou recollido no real decreto-lei publicado este mércores no Boletín Oficial do Estado (BOE) cuxo obxectivo é reformar a protección asistencial por desemprego, pero no que o Goberno incluíu tamén esta mellora do permiso de lactación que queda da seguinte forma:
En concreto, este permiso outorga o dereito de ausentarse do posto de traballo unha hora diaria ou en dúas fraccións (reducindo só media hora na xornada laboral) ata que o lactante cumpra nove meses. Ademais, estas ausencias pódense gozar acumulando xornadas completas, aínda que a novidade da norma publicada no BOE é que a modalidade de gozar este permiso por días completos acumulados estaba ata este mércores condicionada ao que dixese o convenio colectivo da persoa traballadora ou ao acordo ao que chegase co seu empregador. Pero, segundo recolle este decreto, a nova redacción legal deste permiso “elimina ditas restricións convertendo todas as posibilidades de goce, incluída a acumulación das horas retribuídas de ausencia, nun dereito de todas as persoas traballadoras”.
Este dereito para acumular o permiso de lactación sen necesidade de que o recolla a negociación colectiva está vixente desde hoxe xoves, 23 de maio. Con todo, debido a que o vehículo legal utilizado para esta modificación é un real decreto-lei, este aínda debe de ser validado e aprobado no Parlamento, polo que aínda que estea xa en vigor, de non producirse dita validación, a medida decaería e deixaría de aplicarse no momento no que o decreto non saíse adiante no Congreso dos Deputados.
Hai cambios na forma de calcular o permiso se se opta pola modalidade de xornadas acumuladas?
A norma tampouco varía a fórmula para determinar o número de días acumulados ao que a persoa traballadora ten dereito.
O número de xornadas completas que se poden gozar seguidas dependerá do número de días laborables que resten á persoa traballadora ata que o lactante cumpra nove meses así como da duración da súa xornada. O habitual é que, para unha persoa que traballa a xornada completa, a acumulación resulte entre 12 e 14 días. Con todo, a duración do permiso incrementarase proporcionalmente nos casos de nacemento, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento múltiples. Por exemplo, no caso dun nacemento gemelar, poderíanse acumular entre 24 e 28 días.