As pensións contributivas revalorizáronse un 3,8% en 2024, de feito, a pensión media do sistema situouse en abril de 2024 en 1.254,3 euros ao mes. Esta contía inclúe as distintas clases de pensión contributiva (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e en favor de familiares).
No caso da pensión de xubilación, a media está en 1.441,5, mentres que a pensión media de viuvez é de 896,2 euros ao mes.
As pensións que máis subiron son as máis baixas, que corresponden ás persoas con menor renda. Ademais, a subida ten un efecto directo na redución da brecha de xénero
QUE SON AS PENSIÓNS CONTRIBUTIVAS? Son prestacións económicas cuxa duración pode ser definida ou indefinida. A súa concesión está supeditada, polo xeral, a que a persoa beneficiaria tivese unha relación xurídica previa coa Seguridade Social e cumpra unha serie de requisitos en función do tipo de pensión.
Como se determina a contía das pensións contributivas? A súa contía determínase en función das achegas efectuadas polo traballador/a e o empresario/a, se se trata de traballadores/as por conta allea, durante o período considerado a efectos da base reguladora da pensión de que se trate.
Que tipos de pensións contributivas hai? O Réxime Xeral e os Réximes Especiais que se integran na Seguridade Social, (coas particularidades e condicións que cada réxime indica) contemplan estas pensións:
XUBILACIÓN: A pensión de xubilación da Seguridade Social é unha prestación económica vitalicia que se concede ao traballador/a cando, por mor da idade, cesa no traballo por conta allea ou propia ou reduce a súa xornada laboral e o seu salario nos termos legalmente establecidos.
Cales son as modalidades e requisitos para solicitar a pensión de xubilación? O/a solicitante ten que cumprir uns requisitos de idade e de cotización que varían en función do tipo de xubilación demandada:
- Xubilación ordinaria: Para acceder á xubilación ordinaria o/a traballador/a ten que cotizar polo menos 15 anos, dos cales polo menos dous deberán estar comprendidos dentro dos 15 anos inmediatamente anteriores, e ter a idade que fixa a lei. En 2024 sitúase en 66 anos e 6 meses cando o solicitante conte con menos de 38 anos cotizados. Se os ten, poderá xubilarse aos 65 anos.
- Xubilación anticipada: Modalidade legal que permite ao traballador/a retirarse antes de cumprir a idade legal.
Tipos: xubilación anticipada por razón do grupo ou actividade profesional, xubilación anticipada de traballadores con discapacidade, xubilación anticipada por ter a condición de mutualista, xubilación anticipada derivada do cesamento non voluntario no traballo, xubilación anticipada por vontade do traballador e xubilación anticipada por expediente de regulación de emprego.
- Xubilación parcial: Na xubilación parcial, o traballador/a, tras cumprir os 60 anos, decide cobrar parte da súa pensión á vez que percibe un soldo pola súa actividade a tempo parcial nunha empresa.
Tipos: xubilación parcial na industria manufactureira.
- Xubilación flexible: A xubilación flexible está concibida para os pensionistas que queiran volver ao mercado laboral, xa que poden compatibilizar a súa pensión cun contrato a tempo parcial, coa consecuente minoración da súa prestación.
- Xubilación especial aos 64 anos: A xubilación especial aos 64 anos é unha modalidade que, con carácter xeral, desapareceu en 2013, pero que se mantén para determinados traballadores.
Cal é o prazo para solicitar a pensión de xubilación e cando se inicia o pago? Os traballadores/as que se atopen de alta na Seguridade Social poden presentar a solicitude nos tres meses anteriores ou posteriores á data de cesamento da súa actividade. Os efectos económicos da pensión prodúcense a partir do día seguinte do cesamento no traballo.
INCAPACIDADE PERMANENTE: A pensión por incapacidade permanente, na súa modalidade contributiva, trata de cubrir a perda de rendas salariais ou profesionais que sofre unha persoa cando está afectada por un proceso patolóxico ou traumático e ve reducida ou anulada a súa capacidade laboral. Pode ser parcial, total, absoluta ou gran invalidez.
FALECEMENTO: Estas prestacións por morte e supervivencia destínanse a compensar a situación de necesidade económica que produce, para determinadas persoas, o falecemento doutras. Clasifícanse en viuvez, orfandade e en favor de familiares. O Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez (SOVI) é un réxime residual que se aplica a moi poucos traballadores e que inclúe as pensións de: Vellez, Invalidez e Viuvez.
Quen xestiona as pensións contributivas?
A xestión e o recoñecemento do dereito á pensión de xubilación corresponde, con carácter xeral, ao Instituto Nacional da Seguridade Social.
SOLICITA A TÚA CITA PREVIA AQUÍ: https://w6.seg-social.es/ProsaInternetAnonimo/OnlineAccess?ARQ.SPM.ACTION=LOGIN&ARQ.SPM.APPTYPE=SERVICE&ARQ.IDAPP=CPMSWACS&ORGANISMO=I