FUNDACIÓN GALICIA EUROPA

18. 12. 05
 
FUNDACIÓN GALICIA EUROPA
 

Fundación Galicia Europa: achegando Europa e Galicia

A Fundación Galicia Europa (FGE) nace en 1988 coa misión de manter unha oficina galega en Bruxelas e promover o achegamento entre Galicia e Europa. Vinculada á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas. En 2015 veu reafianzado o seu papel coa adopción do Decreto 178/2015 de acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se define a Fundación Galicia Europa como “unha entidade sen ánimo de lucro e ente instrumental do sector público autonómico galego […] que ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado.”

O labor da FGE xira en torno a dous grandes obxectivos: unha mellor comunicación da actividade comunitaria en Galicia e a defensa das posicións galegas no contexto europeo. Para conseguilo, a Fundación traballa en catro ámbitos:

— Defensa dos intereses de Galicia ante a UE. Co obxectivo de promover os intereses galegos ante as institucións europeas, a FGE realiza un seguimento das políticas comunitarias para informar sobre elas en Galicia, especialmente á administración autonómica. Ao mesmo tempo, presta apoio e asesora aos participantes galegos en foros como o Comité das Rexións e outras reunións do ámbito comunitario. Complementariamente, a Fundación organiza actividades de promoción cultural, económica ou turística para dar a coñecer Galicia en Bruxelas.

— Promoción da participación galega en proxectos europeos. A FGE fomenta a participación de entidades galegas en proxectos europeos co fin de potenciar a competitividade dos sectores público e privado de Galicia. Esa promoción tradúcese en asesoramento técnico, procura de socios a escala europea, organización de reunións con representantes das institucións ou na mesma participación da FGE en consorcios de proxectos que lle resulten de interese. Por outra banda, a Fundación organiza seminarios de formación sobre este tipo de financiamento.

— Información sobre a Unión Europea en Galicia. A FGE traballa polo achegamento da actualidade comunitaria á sociedade galega así como para informar sobre posibilidades de financiamento e sobre as oportunidades de emprego e prácticas nas institucións. A principal canle de información é o seu portal web www.fundaciongaliciaeuropa.eu , o cal ofrece a posibilidade de subscribirse a un boletín de alertas.

— Formación e sensibilización sobre Europa en Galicia. O compromiso da FGE coa formación permitiu que nos seus 30 anos de existencia máis de 400 persoas coñecesen de preto a UE a través das súas bolsas de formación. En Galicia organiza, ademais, todo tipo de actos para explicar a Unión Europea aos galegos.