IGAPE CONVOCA PROCESO PARA A SELECCIÓN DE ENTIDADES COLABORADORAS QUE PARTICIPARÁN NA XESTIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA SERVIZOS MODULARES DE ASESORAMENTO ESPECIALIZADO A EMPRESAS GALEGAS

21. 05. 24

Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 11 de maio de 2021 pola que se convoca o procedemento de selección, en réxime de concorrencia competitiva, das entidades colaboradoras que participarán na xestión de subvencións para servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas (programa Re-acciona COVID-19), susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (código de procedemento IG402B).

Este programa terá as seguintes características:
1. O seu obxectivo será permitir ás empresas galegas acceder a servizos de asesoramento que melloren a súa adaptación no novo contorno económico.
2. A participación no programa será modular, de forma que as empresas poderán solicitar ao seu abeiro un ou varios dos seguintes servizos (ver as fichas do anexo III):
a) Reestruturación financeira e adecuación de estados financeiros, tras o impacto da COVID-19 e os novos modelos de negocio.
b) Preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas.
c) Elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou sector ao novo escenario internacional.
d) Análise de mercados internacionais concretos, en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria COVID-19 e ás necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia no dito mercado.
e) Consultoría relacionada coa implementación de metodoloxías de traballo e procesos acordes aos principios da economía circular.

Os servizos constarán de tres fases:
a) Formación e sensibilización (de xeito indicativo, 5 %-10 % do servizo).
b) Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto (de xeito indicativo, 15 %-20 % do servizo).
c) Execución do plan de traballo (de xeito indicativo, 70 %-80 % do servizo).

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será dun mes desde o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no DOG.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210524/AnuncioO92-120521-0002_gl.pdf