Requisitos e quen pode solicitalo
Para ter dereito ao bono social da luz fai falta ser titular dun contrato de tarifa regulada (PVPC) na vivenda habitual, ter contratada unha potencia igual ou inferior a 10 kW con algunha das comercializadoras de referencia do mercado e ser considerado un cliente en situación de vulnerabilidade, para o que hai que cumprir cunha destas condicións:
Consumidor vulnerable
- Usuarios cuxa renda ou a renda conxunta anual da unidade familiar non sexa superior a 2 veces o IPREM referido a 14 pagas, se non hai ningunha persoa menor na unidade familiar: 16.212,56 euros.
No caso de convivir nunha unidade familiar cun/a fillo/a menor de idade a cargo, a súa renda conxunta non será superior a 3 veces o IPREM referido a 14 pagas: 24.318,84 euros.
No caso de convivir nunha unidade familiar con dous fillos/as menores de idade a cargo, a súa renda conxunta non será superior a 4 veces o IPREM referido a 14 pagas: 32.425,12 euros.
- Estar en posesión do título de familia numerosa
- Que a propia persoa consumidora e, no caso de formar parte dunha unidade familiar, todas as persoas membro da mesma que teñan ingresos, sexan pensionistas do Sistema da Seguridade Social por xubilación ou incapacidade permanente, percibindo a contía mínima vixente en cada momento para as devanditas clases de pensión, e non perciban outros ingresos cuxa contía agregada anual supere os 500 euros.
Consumidor vulnerable severo
- Usuarios cuxa renda ou a renda conxunta anual da unidade familiar non sexa superior a 0,75 veces o IPREM referido a 14 pagas: 6.079,71 euros.
- No caso de convivir nunha unidade familiar cun/a fillo/a menor de idade a cargo, a súa renda conxunta non será superior ao IPREM referido a 14 pagas: 8.106,68 euros.
- No caso de convivir nunha unidade familiar con dous fillos/as menores de idade a cargo, a súa renda conxunta non será superior a 1,25 veces IPREM referido a 14 pagas: 10.132,85 euros.
Consumidor en risco de exclusión social
Debe ter a condición de «consumidor vulnerable severo», ser atendido polos servizos sociais dunha administración autonómica ou local que financie polo menos o 50% do importe da factura e, acreditar esa situación mediante documento expedido polas referidas Administracións Públicas.
Limitacións no consumo
O bono social conleva unha limitación dependendo de certos aspectos.
Unha vez superado, a enerxía facturarase segundo os prezos da tarifa regulada (PVPC), sen desconto.
Estes son os límites:
– Para demandante individual ou unidade de convivencia formada por dúas persoas: os descontos estarán limitados aos primeiros 1.587 kWh anuais.
– Para unidade de convivencia formada por tres persoas, pensionistas (contía mínima) ou unidade de convivencia formada por dúas persoas sendo unha delas un menor: é de 2.222 kWh.
– Para as formadas por catro persoas ou por tres se dous son menores, 2.698 kWh.
– Se está formada por cinco ou máis persoas, por catro persoas se tres son menores ou se trata dunha familia numerosa, 4.761 kWh.
Tense que solicitar a través da comercializadora de referencia e pode facerse por teléfono, correo electrónico, correo ordinario ou fax.
Como se solicita
O trámite realízase a través da comercializadora de referencia xa sexa a través da súa web, na propia oficina, por correo electrónico ou ordinario, ou por teléfono.
O formulario de solicitude debe estar dispoñible na páxina web da comercializadora, así como nas súas oficinas de atención presencial.
Xunto a esta, a solicitude acompañarase da documentación seguinte:
- Fotocopia do NIF ou NIE da persoa titular do punto de subministración ou, no seu caso, de todas as persoas membros da unidade familiar
- Certificado de empadroamento familiar de todas as persoas membros da unidade familiar
- No caso das unidades familiares, libro de familia ou, no seu caso, certificación da folla individual do Rexistro Civil correspondente
- As familias numerosas deben achegar copia do título de familia numerosa en vigor -
Se se precisa, debe anexarse o certificado ou documento acreditativo expedido polos Servizos Sociais do órgano competente que demostre circunstancias especiais (discapacidade igual ou maior ao 33%, vítima de violencia de xénero, vítima de terrorismo, dependencia recoñecida grao II ou III).
Desde o departamento de emprego do Concello da Estrada botámosche unha man para a súa tramitación, podes pasarte polo noso departamento sen necesidade de cita previa ou chamarnos ao teléfono 986 677 740 en horario de 9.00 a 14.00 horas.