TRAMITES PARA A CONSTITUCIÓN DUNHA ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO

24. 09. 05

O acordo de constitución da asociación, que incluirá a aprobación dos estatutos, formalízase mediante acta fundacional, en documento público ou privado. As asociacións, unha vez constituídas, deberán inscribirse no rexistro de asociacións para os efectos de publicidade (arts. 5-10 da L.O. 1/2002, do 22 de marzo, e artigos 42-43 do R.D. 949/2015, do 23 de outubro).

Que documentos teño que presentar?
  1. Solicitude de inscrición inicial (modelo PR308A) formulada por unha das persoas fundadoras da asociación e dirixida ao rexistro competente. No caso de que a solicitude sexa formulada por outra persoa, deberá acreditarse a representación por calquera medio válido en dereito.
  2. Acta fundacional (modelo formato .docx - modelo formato .odt): un exemplar orixinal asinado por todas as persoas promotoras ou fundadoras, no que consten os seguintes datos:
    • Nome e apelidos das persoas promotoras da asociación, se son persoas físicas; a denominación ou razón social se son persoas xurídicas; e en ambos os casos a nacionalidade, domicilio e documento de identidade.
    • Expresión da vontade de constituír unha asociación, e a denominación desta, que será coincidente coa sinalada nos estatutos.
    • Lugar, data e sinatura das persoas promotoras ou, no caso de persoas xurídicas, dos seus representantes.
    • Identificación das persoas que integran o órgano provisional de representación ou xunta directiva.
  3. Estatutos (modelo formato .docx - modelo formato .odt): un exemplar orixinal, asinado por todas as persoas promotoras ou fundadoras, redactado co contido mínimo establecido no art. 7 da Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo.
  4. Outra documentación:
    • No caso de promotores persoas xurídicas, deberán presentar certificación do acordo adoptado polo órgano competente no que conste a vontade de constituír a asociación, formar parte dela e designación da persoa física representante, que será coincidente coa que participe no acto constitutivo (modelo formato .docx - modelo formato .odt).
    • No caso de promotores/as menores non emancipados/as maiores de catorce anos, deberán acreditar documentalmente o consentimento da persoa que deba suplir a súa capacidade, sen prexuízo do réxime xurídico previsto para as asociación infantís, xuvenís ou de alumnos/as.
  5. Autorización para a comprobación dos datos de identidade das persoas promotoras (anexo II)
  6. Copia do NIF da asociación
  7. Xustificante do pago da taxa (Código 30.39.01) ACCESO DIRECTO PARA O PAGAMENTO: https://ovt.atriga.gal/

Como obter o NIF da asociación?

A documentación para achegar para a solicitude de NIF dunha asociación é a seguinte:

- Orixinal e fotocopia do Acta constitutiva da asociación, que incluirá o acordo de constitución e os estatutos (o Rexistro devolveuvos un exemplar dos estatutos acuñado ou selaxe)

LIGAZÓN PARA A TRAMITACIÓN PERANTE FACENDA: https://sede.agenciatributaria.gob.es/Sede/procedimientoini/G324.shtml

Como abrir conta bancaria para unha asociación? 

No caso das empresas, institucións ou asociacións, débese ter personalidade xurídica e é preciso achegar as escrituras de constitución e apoderamento, o DNI dos apoderados e o CIF.