TRÁMITES PARA REXISTRARTE COMO PARELLA DE FEITO EN GALICIA

24. 10. 03

Son parellas de feito as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no rexistro de parellas de feito de Galicia.

Segundo a Lei 10/2007, do 28 de xuño, que reforma a disposición adicional terceira de Lei de Dereito Civil de Galicia—, os seus membros deben expresar a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio co que se estenden aos membros da parella os dereitos e as obrigas que a lei recoñece aos cónxuxes.

Non poden constituír parellas de feito:

  • Os familiares en liña recta por consanguinidade ou adopción.
  • Os colaterais por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • Os que estean ligados por matrimonio ou formen parella de feito debidamente formalizada con outra persoa.

Os membros da parella de feito poderán establecer en escritura pública os pactos que consideren convenientes para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia e para liquidalas tras a súa extinción, sempre que non sexan contrarios ás leis, limitativos da igualdade de dereitos, que corresponden como membro da unión ou gravemente prexudiciais para cada un destes.

inscrición no rexistro de parellas de feito de Galicia é voluntaria e ten carácter constitutivo. Para acceder á inscrición os membros da parella de feito deberán cumprir os requisitos legais establecidos.

Para a inscrición das parellas de feito, os seus membros deberán cumprir os seguintes requisitos:

  • Ser maiores de idade.
  • Non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • Manifestar a vontade de constitución de parella de feito a través de modelo normalizado.
  • Non estar ligado por matrimonio ou ter formalizada parella de feito con outra persoa.
  • Non estar incapacitado xudicialmente para rexer a súa persoa.
  • Ter un dos membros da parella a veciñanza civil galega.
  • Acreditar o empadroamento dos membros da parella no mesmo domicilio, nalgún municipio de Galicia.

A solicitude debe ir acompañada da seguinte documentación:

  • Fotocopia compulsada do DNI de ambos os dous membros da parella ou, en caso de estranxeiros, documento similar no seu país.
  • Certificación de empadroamento dos membros da parella nalgún municipio de Galicia.
  • Acreditación do estado civil de ambos os dous membros da parella mediante certificación do Rexistro Civil ou equivalente no caso de estranxeiros.
  • Declaración de vontade de constituír unha parella de feito.
  • Declaración responsable de ambos os dous de non ter constituída parella de feito con outra persoa.
  • Se é o caso, sentenza xudicial de divorcio, ou nulidade ou certificado literal de matrimonio no que conste ningún destes extremos.
  • Declaración responsable de non ter relación de parentesco en liña recta por consanguinidade ou adopción nin colateral por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.
  • Declaración responsable de non estar incapacitado para os efectos de prestar o seu consentimento para constituír unha parella de feito.
  • Fotocopia compulsada do libro de familia, ou equivalente, nos casos nos que houbese fillos ou fillas comúns ou de calquera dos membros da parella.

O procedemento de solicitude e rexistro das parellas de feito conta cas seguintes fases:

  • Presentación e admisión da solicitude: o rexistro onde se curse a entrada da solicitude fará constar nela a data e a hora da presentación, que determinará o inicio do cómputo do prazo de resolución. Seguidamente, ao solicitante expediráselle un xustificante da presentación.
  • Emenda de defectos: Se a solicitude presentada contivese algún defecto subsanable, ou se non se achegase algún dos documentos necesarios, requirirase o solicitante para que emende a falta no prazo regulamentario establecido.
  • Tramitación da solicitude: A tramitación das solicitudes presentadas ante o rexistro de parellas de feito rexerase polas determinacións contidas Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
  • Cualificación de solicitudes e proposta de resolución: O rexistro cualificará as solicitudes presentadas, a acreditación dos requisitos esixidos pola lei e a legalidade dos dereitos e obrigas contidos nos pactos. Efectuará unha proposta de resolución na que acordará practicar ou denegar a inscrición ou, no seu caso, arquivar a solicitude.
  • Resolución das solicitudes e notificación: O delegado provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá a inscrición solicitada no prazo de tres meses, a contar dende a data na que a solicitude tivese entrada no devandito centro. As resolucións serán notificadas á parella solicitante na forma establecida na Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.
  • Medios de impugnación: As resolucións ditadas pola delegación provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza serán susceptibles de recurso de alzada ante a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza.

No rexistro de parellas de feito de Galicia pódense inscribirde xeito gratuíto:

  • As declaracións de constitución, modificación e extinción das parellas de feito.
  • Os pactos que os membros da parella de feito consideren convenientes para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia e para liquidalas tras a súa extinción.

As solicitudes de inscrición, cancelación, incorporación ou modificación de pacto e certificación que se formulen ante o rexistro deberán axustarse aos formularios previstos especificamente.

Lugares de presentación

Calquera das solicitudes se presentará ante a delegación provincial da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspondente ao domicilio da parella de feito.

Tamén se poderán presentar en calquera dos lugares establecidos para presentación de solicitudes pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en cuxo caso a tramitación da solicitude e os efectos da inscrición só se producirán respecto á documentación que tivese entrada efectiva no rexistro de parellas de feito e dende a data na que tivese acceso a este.

Toda a INFORMACIÓN: https://www.xustiza.gal/rexistro-de-parellas-de-feito/incricion

ACCESO AO PROCEDEMENTO: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR212A