O carné xove é unha tarxeta persoal para a mocidade galega expedida pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Con este documento as persoas usuarias poden acceder a descontos e vantaxes en múltiples entidades e establecementos en Galicia, no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo (European Youth Card).
Dende o 2021, o carné xove é gratuíto e ten vixencia indefinida entre as idades de 12 a 30 anos, ambos os dous inclusive, polo que xa non cómpre renovalo.
Neste sentido, no 2021 a Xunta de Galicia enviou o carné xove ao domicilio de todas as persoas potencialmente usuarias naquel momento.
Aínda non che chegou o carné xove á casa?
Se tes os 12 anos feitos e non recibiches o carné no teu domicilio, podes:
- Acudir ao punto de activación máis próximo ao teu domicilio.
- Solicitalo a través da sede electrónica , procedemento BS319A. Importante: nos datos da persoa solicitante cómpre poñer os do mozo/a que vai posuír a tarxeta. No caso dos menores de 14 anos, o seu representante (nai/pai/titor legal) deberá poñer os seus datos no apartado de representante, pero igualmente poñer os do rapaz/a nos datos do solicitante.
Como se activa o carné xove?
A activación pódese facer de forma presencial ou electrónica:
-Presencial: acudindo a un dos puntos de activación. A activación consiste en insertar na tarxeta o número de carné (número Eyca). Neste proceso cómpre acreditarse co DNI.
-Electrónica: os rapaces e rapazas que opten por esta vía deben cubrir este formulario e marcar a opción de ACTIVACIÓN DO CARNÉ XOVE RECIBIDO NO DOMICILIO. Despois, recibirán no seu correo electrónico o seu número de carné, que deberán escribir manualmente na tarxeta para tela activada. Importante: nos datos da persoa solicitante cómpre poñer os do mozo/a que posúe a tarxeta. No caso dos menores de 14 anos, o seu representante (nai/pai/titor legal) deberá poñer os seus datos no apartado de representante, pero igualmente poñer os do rapaz/a nos datos do solicitante.
Descontos
O obxectivo é facilitarlle aos mozos e mozas de 12-30 anos o acceso a bens e servizos de todos os ámbitos (cultural, aloxamento, transportes, comercial, ensino, etc.) a través de descontos ou vantaxes. Este carné está homologado cos que emiten o resto das comunidades autónomas e países de Europa que están adheridos a este programa, polo que se pode utilizar en calquera deles nas mesmas condicións, agás excepcións propias de cada comunidade ou país.
Ademais, entre as prestacións do Carné Xove destacan os servizos finaceiros e as garantías no estranxeiro, a través das cales a Dirección Xeral de Xuventude pretende fomentar o desenvolvemento, a mobilidade e a mellora de condicións de vida cotiá dos mozos e mozas galegos.
Como identificar os establecementos adheridos?
Queres ser un establecemento adherido? Coñeces algún establecemento que queira participar?
Toda a información: https://xuventude.xunta.es/carnes-para-a-mocidade/carne-xove