CONVOCAN AXUDAS ÁS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS/AS PARA A REPARACIÓN , REHABILITACIÓN OU/E ADAPTACIÓN DOS EDIFICIOS DE VIVENDAS PROTEXIDAS

Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2021 pola que se convocan para o ano 2021, en réxime de concorrencia competitiva, axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto (código de procedemento VI420A).

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo IGVS que, no momento de presentar a súa solicitude, teñan mais de dez anos de antigüidade e que non estean descualificados, sempre e cando que non recibisen outra axuda deste organismo para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores á data de publicación desta resolución e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:
a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.
b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.
c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto da resolución de bases do 4 de abril de 2019 e conforme a disposición orzamentaria existente.

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas obras destinadas á reparación, rehabilitación e/ou adaptación que comprendan todas ou algunhas das seguintes actuacións:
a) Adecuación das condicións de seguridade: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade estrutural ou construtiva, de xeito que garantan a súa estabilidade,resistencia e solidez, seguridade contra incendios, así como obras de seguridade fronte a accidentes ou sinistros.
b) Adecuación das condicións de habitabilidade: obras que proporcionen ao edificio estanquidade fronte á choiva e á humidade, illamento térmico e acústico, ou mellora das instalacións de calefacción.
c) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio mellora dos accesos aos servizos xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, etc., así como a adecuación destas obras á correspondente normativa.
d) Adecuación das condicións de accesibilidade: obras de supresión de barreiras arquitectónicas, tales como instalación de ascensores, ramplas, ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial.

As actuacións deberán axustarse á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución.
As ditas actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, sempre que non teñan comezado antes do 1 de xaneiro do ano 2021 e non teñan executado mais dun 60 % do custo total das obras.

A contía nas subvencións será do 60 % do orzamento aprobado na resolución de concesión e ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

O prazo de presentación da solicitude de axuda será de dous meses, contados dende o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210421/AnuncioC3Q2-120421-0003_gl.pdf