Consellería de Emprego e Igualdade
ORDE do 9 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do III Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19 mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, a través do Programa I de persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva (TR600A), do Programa II de apoio ás persoas traballadoras autónomas individuais e persoas traballadoras autónomas ou empresas con ata 10 persoas traballadoras, ou de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata 2 millóns de euros (TR600B), e do Programa III de apoio ás persoas traballadoras autónomas ou empresas con máis de 10 persoas traballadoras, e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, ou empresas de máis de 25 persoas traballadoras (TR600C), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.
Os recursos que se destinarán aos programas contidos nesta orde, atendendo á distribución do tecido produtivo de Galicia, son os seguintes:
– Programa I. De apoio ás persoas traballadoras autónomas en estimación obxectiva: axudas ás persoas traballadoras autónomas e profesionais que tributen polo sistema de estimación obxectiva. Este programa está financiado con 150.000.000,00 €.
– Programa II. De apoio ás persoas traballadoras autónomas individuais e persoas traballadoras autónomas ou empresas con ata 10 persoas traballadoras, ou de ata 25 persoas traballadoras cun volume de facturación de ata 2 mill de € (TR600B). Este programa está financiado con 50.000.000,00 €.
– Programa III. De apoio ás persoas traballadoras autónomas ou empresas con máis de 10 persoas traballadoras, e cun volume de facturación de máis de 2 millóns de euros, ou empresas de máis de 25 persoas traballadoras (TR600C). Este programa está financiado con 34.470.880 euros.
Estas axudas directas terán carácter finalista e deberán aplicarse a satisfacer a débeda e realizar pagamentos a provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, así como os custos fixos en que se incorrese, sempre e cando estes fosen devindicados entre o 1 de marzo de 2020 e 31 de maio de 2021 e procedan de contratos anteriores á entrada en vigor do Real decreto lei 5/2021 do 12 de marzo. En primeiro lugar, satisfaranse os pagamentos a provedores, por orde de antigüidade e, se procede, reducirase o nominal da débeda bancaria, primando a redución da débeda con aval público.
Poderán ser beneficiarios/as das axudas directas previstas nesta orde:
a) As persoas traballadoras autónomas, empresarias ou profesionais que apliquen o réxime de estimación obxectiva no imposto sobre a renda das persoas físicas que exerzan unha actividade económica das incluídas no anexo I do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo.
b) As persoas traballadoras autónomas, empresarias ou profesionais que apliquen o réxime de estimación obxectiva no imposto sobre a renda das persoas físicas que exerzan unha actividade económica que non estean incluídas no anexo I do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, e teñan unha caída do volume de operacións anual, declarado ou comprobado, dun 40 %, ou máis, no ano 2020 respecto do ano 2019.
c) Todas aquelas persoas traballadoras autónomas, profesionais, empresas e entidades que exerzan unha actividade económica das incluídas no anexo I do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, que teñan unha caída do volume de operacións anual declarado ou comprobado pola Administración, no imposto sobre o valor engadido ou tributo indirecto equivalente de máis dun 30 % no ano 2020 respecto do ano 2019.
d) Todas aquelas persoas traballadoras autónomas, profesionais, empresas e entidades que exerzan unha actividade económica que non estea incluídas no anexo I do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, cuxa caída do volume de operacións anual declarado ou comprobado pola Administración, no IVE ou tributo indirecto equivalente sexa dun 40 % ou máis comparando o ano 2020 co ano 2019.
e) Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que continúan coa súa actividade, aínda que non estean de alta no momento de presentación da solicitude e estean de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses nalgún dos anos 2019 ou 2020.
Para os efectos desta orde, ás persoas traballadoras autónomas que estean de alta durante un período superior a 9 meses aplicaráselle o réxime xeral e non o de tempada.
f) Poderán seren beneficiarias as persoas traballadoras autónomas e empresas dadas de alta ou creadas entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de marzo de 2020 e empresas que teñan realizado unha modificación estrutural da sociedade mercantil entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 14 de xuño ata o 14 de xullo de 2021, ambos inclusive.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210611/AnuncioG0599-090621-0003_gl.pdf