Consellería de Emprego e Igualdade
ORDE do 21 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR301V).
Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto da presente convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda, nos termos do disposto no capítulo IV e no anexo II da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.
Para os efectos do indicado no punto 1 deste artigo, terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e con situación laboral como non ocupadas, na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa. Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, nos supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de desenvolvemento da acción formativa.
Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación. A persoa beneficiaria debe comprometerse a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixase de cumprilos, estará obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.
A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211029/AnuncioG0599-221021-0001_gl.pdf