AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE AFORRO ENERXÉTICO NAS EMPRESAS DE SECTORES INDUSTRIAIS E SERVIZOS

Axencia Instituto Enerxético de Galicia
RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN417Y).

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:
a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector servizos ou na industria. Para os efectos destas bases defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014. Só serán subvencionables as actuacións realizadas en centros de traballo ubicados en Galicia.

Considerarase sector servizos as actividades incluídas nas seccións: G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas cuxo CNAE 2009 comece pola división da 07 a 39, excluídas as que comecen pola división 10.2 e 12.

Tamén serán subvencionables as actividades previstas no IAE que se correspondan con estas seccións do CNAE 2009.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na alínea a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior.

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 26.

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética

A contía da subvención será do 35 % do custo elixible da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

O prazo de presentación de solicitudes comezará 20 de xaneiro de 2021 e concluirá o 15 de outubro de 2021.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210118/AnuncioG0474-291220-0001_gl.pdf