AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA PROXECTOS DE MELLORA ENERXÉTICA DIRIXIDO A AUTÓNOMOS/AS E PEMES CON ACTIVIDADE DE COMERCIO, HOSTALERIA , ARTÍSTICO-RECREATIVAS E OUTROS SERVIZOS

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividade de comercio, hostalaría, artístico-recreativas e outros servizos (programa Bono enerxía peme), anualidade 2022 (código de procedemento IN417Z).

Son proxectos subvencionables os investimentos en equipamentos consumidores de enerxía ou elementos que contribúan a unha xestión enerxética eficiente incluídos nas seguintes tipoloxías de actuación:

a) Bono envolvente: elementos de control solar (toldos ou láminas de control solar e/ou térmico. Só serán subvencionables toldos de cor branca e/ou negra e variantes destas cores). En ningún caso serán subvencionables os elementos que incorporen publicidade.

b) Bono iluminación: renovación de equipamentos de iluminación interior e/ou exterior, incluídos rótulos e escaparates, por outros que utilicen tecnoloxía LED e os elementos de control asociados.

c) Bono instalacións eléctricas: mellora da eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garanta unha subministración con calidade e fiabilidade (renovación de transformadores, incorporación ou renovación de sistemas de alimentación ininterrompida, compensación de enerxía reactiva, instalación de filtros economizadores ou similares).

d) Bono equipamento: renovación do equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras, secadoras, pasadoras de ferro, vending, mobles frigoríficos, autoservizo e calquera equipamento de consumo enerxético propio do establecemento, sempre que se poida acreditar unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar.

Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído.

Deberá xustificarse a retirada do equipamento existente e a súa entrega a un xestor autorizado.

e) Bono climatización: equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria. Esta medida refírese exclusivamente ás instalacións fixas, destinadas á climatización e/ou produción e consumo de auga quente sanitaria do establecemento; quedan fóra do seu ámbito os equipamentos móbiles e os non permanentes para a climatización de terrazas e outros espazos abertos ao público.

Os novos equipamentos deberán ser de potencia térmica nominal superior a 5 kW e ter unha cualificación enerxética B ou superior. Cando non se dispoña dun sistema de etiquetaxe oficial, poderase utilizar como referencia outro sistema, como Eurovent ou similar. Aqueles equipamentos para os cales non exista sistema de cualificación enerxética poderán ser subvencionables se acreditan este aspecto e xustifican que o novo equipamento previsto ten unha eficiencia enerxética superior ao substituído. Tamén serán subvencionables a incorporación de recuperadores de calor, de sistemas de arrefriamento gratuíto, a mellora dos illamentos da instalación de climatización, sistemas de movemento de fluídos caloportadores e de regulación e control (sistemas de regulación en función de medicións de CO2 ou da temperatura exterior, billas economizadoras accionadas mediante infravermellos e outros).

f) Bono inmótica: sistemas domóticos e/ou inmóticos que permitan xestionar a enerxía e o gasto enerxético de forma máis eficiente. No caso de sistemas de telemedida intelixentes que permiten monitorizar as instalacións e detectar consumos anómalos, consideraranse elixibles se incorporan algún tipo de actuador ou automatismo, por exemplo enviando alarmas que advirtan de situacións non desexadas. Se só miden e analizan non se consideran elixibles.

2. A mellora enerxética debe describirse axeitadamente na memoria técnica a que se fai referencia no artigo 10 destas bases reguladoras. Non se considerarán válidos os proxectos que non detallen axeitadamente os equipamentos que se pretende instalar e o fundamento da mellora enerxética en relación coa situación inicial.

3. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

Serán subvencionables os gastos e investimentos realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2022, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O investimento mínimo para que as actuacións sexan subvencionables debe ser de 1.000 euros por solicitude, sen incluír o IVE.

Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas legalmente constituídas e os/as empresarios/as autónomos/as que teñan domicilio social ou centro de traballo en Galicia e cuxa actividade estea incluída entre as seguintes seccións do CNAE 2009:

– Sección G: comercio por xunto e polo miúdo, divisións 45 a 47 incluídas.

– Sección I: hostalaría, divisións 55 a 56 incluídas.

– Sección R: actividades artísticas, recreativas e de entretemento, divisións 90 a 93 incluídas.

– Sección S: outros servizos, só as divisións 95 e 96.

Considéranse custos subvencionables:

a) Os custos de investimento necesarios para a consecución dunha ou varias das diferentes tipoloxías de mellora enerxética definidas no artigo 2 das bases reguladoras.

b) A realización do proxecto, a dirección de obra, a adquisición e instalación dos equipamentos, obra civil, soportes e proteccións, tanto eléctricas como mecánicas, así como calquera outro elemento necesario para o correcto deseño e funcionamento da instalación reformada.

A contía da subvención será do 80 % do custo elixible da actuación.

Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima de 6.000 euros por solicitude.

O importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, de 100.000 euros cando se trate de empresas de transportes de mercadorías por estrada por conta allea, de 30.000 euros para empresas do sector da pesca e da acuicultura e de 20.000 euros para empresas do sector agrícola.

O prazo de presentación de solicitudes comeza ao día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de xullo de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220405/AnuncioG0474-010422-0002_gl.pdf