AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN CONVOCA AXUDAS PARA O FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE PROFESIONAIS DE ALTA CUALIFICACIÓN PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE I+D+I E TRANSFERENCIA NAS EMPRESAS E ORGANISMOS DE INVESTIGACIÓN EN GALICIA (TALENTO SENIOR)

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento da contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia nas empresas e organismos de investigación en Galicia (programa Talento sénior), e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN858A).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do programa Talento sénior, da Axencia Galega de Innovación, dirixidas ás empresas e aos organismos de investigación non universitarios en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de tres (3) anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Este programa ten entre os seus obxectivos a atracción e o retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de cinco (5) anos de experiencia profesional para desenvolveren a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.

Poderán ser beneficiarios/as destas axudas:

a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados non universitarios galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

Serán subvencionables, ao abeiro desta convocatoria, as contratacións de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i e transferencia, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2022 ata o 1 de outubro de 2022, ambas incluídas, coas seguintes características:

a) As actividades de I+D+i que realice o persoal de alta cualificación contratado deberanse desenvolver en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e as prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia.

b) O contrato de traballo que se formalice deberá ter unha duración mínima de 36 meses e deberá ser a tempo completo.

c) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada profesional de alta cualificación contratado deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 40.000 euros.

A contía da axuda en concepto de incentivo á contratación variará en función da retribución bruta do persoal de alta cualificación por cada contrato de duración igual ou superior a tres (3) anos, coas seguintes características:

Para empresas:

– Salario mínimo bruto entre 40.000 e menos de 50.000 €.

– Intensidade da axuda: 40 %.

– Salario mínimo bruto desde 50.000 e menos de 60.000 €.

– Intensidade da axuda: 45 %.

– Salario mínimo bruto desde 60.000 e menos de 70.000 €.

– Intensidade da axuda: 50 %.

– Salario mínimo bruto superior a 70.000 €.

– Intensidade da axuda: 55 %.

Para organismos de investigación públicos non universitarios ou privados:

– Salario mínimo bruto entre 40.000 e menos de 50.000 €.

– Intensidade da axuda: 45 %.

– Salario mínimo bruto entre 50.000 e menos de 60.000 €.

– Intensidade da axuda: 50 %.

– Salario mínimo bruto entre 60.000 e menos de 70.000 €.

– Intensidade da axuda: 55 %.

– Salario mínimo bruto superior a 70.000 €.

– Intensidade da axuda: 60 %.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220408/AnuncioG0198-290322-0001_gl.pdf