Axencia Galega de Innovación
RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de innovación, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento IN848D).
Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda.
As actividades incluídas no plan de innovación que se subvencionan serán as que reúnan, necesariamente, as seguintes características.
a) Constituirán un conxunto completo e coherente de actividades, incluídas na memoria descritiva da solicitude, e que permitan implementar e/ou incrementar as capacidades innovadoras da empresa solicitante.
b) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 80.000 euros e dun máximo de 200.000 euros. A presentación dun plan de innovación cun orzamento fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
c) A súa duración mínima será dun ano e a máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2023; a presentación dun plan de innovación cunha duración fóra do rango establecido será causa de inadmisión da solicitude de axuda.
d) As actividades que se subvencionan serán (a modo indicativo, achégase un catálogo de actividades no anexo I): I. Actividades de innovación, destinadas principalmente a corrixir deficiencias de mercado relacionadas con externalidades positivas (desbordamento do coñecemento), deficiencias de coordinación e, en menor medida, información asimétrica; estas actividades comprenderán a obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais, e a adquisición de servizos de asesoramento e apoio á innovación. II. Actividades de innovación, destinadas á mellora de: – procesos, mediante aplicación de métodos de produción ou loxística, novos ou mellorados de xeito significativo (que inclúa cambios substanciais en canto ás condicións tecnolóxicas, equipamentos ou implementación de novas solucións informáticas). – e xestión innovadora empresarial, mediante a posta en funcionamento de novos métodos organizativos para a comercialización, a organización do centro e actividades do traballo ou as relacións exteriores da empresa.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220418/AnuncioG0198-050422-0001_gl.pdf