XUNTA DE GALICIA ABRE PROCESO DE PARTICIPACIÓN NO FONDO SOLIDARIO QUE REGULA AS AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR DESTINADO AO ALUMNADO MATRICULADO EN EDUCACIÓN PRIMARIA, EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA E EDUCACIÓN ESPECIAL

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 29 de abril de 2022 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/23 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H).

Esta orde ten por obxecto regular, no ámbito dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos e para o curso 2022/23, os procedementos:

− ED330B. Participación no fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar.

– ED330G. Aceptación da participación como entidade colaboradora no fondo solidario de libros de textos e axudas para adquirir libros de texto e material escolar

− ED330H. Rexistro de librarías. Axudas para adquirir libros de texto e material escolar

O procedemento administrativo ED330B comprende:

a) A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (en diante, EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (en diante, ESO). En 3º e 5º de EP e 1º e 3º da ESO permitirase a substitución dos libros de texto para a adaptación aos currículos que establece a Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, de modificación da Lei orgánica de educación (LOMLOE). En 4º e 6º de EP e 2º e 4º da ESO manteranse os libros de texto do curso 2021/22

b) A convocatoria de axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (en diante, EE); así como as axudas que pode recibir o alumnado incluído nas disposicións adicionais primeira e segunda desta orde.

c) A convocatoria de axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE.

Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (ED330B) os pais, as nais, os titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa coa que conviva en acollemento familiar. 

A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2022/23, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, na que se incluirán os admitidos nese centro para o curso 2022/23. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean no mesmo centro.

O formulario de solicitude tamén estará dispoñible nos centros educativos e na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2022 (este incluído).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220518/AnuncioG0598-020522-0001_gl.pdf