CONVOCANSE EN GALICIA AS AXUDAS DO PLAN DE RECUPERACIÓN EUROPEO DIRIXIDAS Á MODERNIZACIÓN DO COMERCIO EN GALICIA (FONDOS NEXTGENERATION) (2)

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o Programa de modernización do comercio: Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión EuropeaNextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300G).

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1.1. Liña de axudas destinada a persoas autónomas e pequenas e medianas empresas comerciais. As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o establecemento comercial para o cal se solicita a axuda teña carácter físico e permanente e estea localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña ou comerciantes ao retallo fóra dun establecemento comercial permanente, deberán ter o domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia. As páxinas web deberán cumprir os requisitos que figuran no anexo XIII da orde.

b) Que teña a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 187, do 26 de xuño).

c) Que a actividade principal do negocio se corresponda con algunha das actividades incluídas nos códigos 46 ou 47 da Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009) aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009)

1.2. Liña de axudas destinada a asociacións de comerciantes.

Os proxectos subvencionables no marco do PRTR son os seguintes:

– Proxectos de novas tecnoloxías dirixidas a mellorar diferentes áreas da estratexia comercial en liña e en comunicación, do modelo de negocio e da experiencia de compra (gastos referidos á transformación dixital).

– Proxectos de novas tecnoloxías para a adaptación do espazo físico de venda, tanto ás novas necesidades e hábitos dos/das consumidores/as como aos novos modelos de xestión (gastos referidos á transformación do punto de venda).

– Proxectos de solucións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia e sustentabilidade da entrega da última milla (gastos relativos á cadea de subministración e rastrexabilidade).

– Proxectos de aplicación de solucións tecnolóxicas para mellorar a eficiencia no consumo enerxético e dos recursos (gastos relativos á sustentabilidade e economía circular)

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230530/AnuncioV0653-160523-0009_gl.pdf