AXENCIA TURISMO DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS A ESTABLECEMENTOS E SERVIZOS TURÍSTICOS DE XESTIÓN PÚBLICA E PRIVADA NOS PROCESOS DE CERTIFICACIÓN DA NORMA UNE

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos de xestión pública e/ou privada, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto da obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU970A).

Poderán ser beneficiarios destas subvencións:

Categoría 1ª: os concellos e as súas entidades instrumentais que xestionen os servizos públicos de competencia local recollidos no artigo 85.2.A da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

Categoría 2ª: as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.

Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2023 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2023. Concretamente, serán subvencionables:

– Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados pola entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación correspondente ao ano 2023.

Tamén serán obxecto das axudas os gastos de auditoría externa derivados dos aprazamentos dos procesos de seguimento e/ou renovación correspondentes ao ano 2022, que se realicen no 2023, sempre e cando fosen aprobados polo ICTE e cuxa data de facturación se produza en 2023.

As contías das axudas dos procesos de aprazamentos terán unha intensidade do 30 %. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior, quedando excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así coma aqueles gastos nos que incorra a persoa ou entidade solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE.

Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría externa realizada no ano 2023.

– Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2023, unha vez acadada a certificación, seguimento e/ou renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.

Serán obxecto destas axudas os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, así como as cotas dos dereitos de uso de marca S de Sustentabilidade Turística do ICTE do ano 2023 (referenciais UNE-ISO 21401:2019 ou ESP 33 AUD 21, segundo a tipoloxía da persoa ou entidade solicitante), para aquelas persoas ou entidades que conten previamente e/ou ao mesmo tempo coa certificación Q de Calidade Turística, baixo a norma de calidade específica para o sector que corresponda a entidade solicitante.

2. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na normativa de contratos do sector público para os contratos menores, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizara con anterioridade á solicitude da subvención. Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa, presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

4. Poderá subcontratarse a actividade obxecto da subvención nun 100 %, de conformidade co previsto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230606/AnuncioG0256-240523-0001_gl.pdf