XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PROMOVER A PRIMEIRA EXPERIENCIA PROFESIONAL DAS PERSOAS MOZAS MENORES DE 30 ANOS MEDIANTE CONTRATOS FORMATIVOS

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 6 de maio de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para promover a primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR353C).

A convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, dotándoas á vez de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego, promovendo a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.

Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de menores de 30 anos a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos. 

b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán subscribirse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.

O importe máximo destinado á concesión de subvencións é de 4.191.915 €, con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, a través dos créditos consignados na aplicación 44.04.322C.472.0, código de proxecto 2024 00081, correspondentes a fondos finalistas.

Persoas empregadoras e empresas beneficiarias 

Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.

Persoas destinatarias finais

1. Poderán ser persoas destinatarias finais destas axudas aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:

a) Que teñan feitos os 16 anos e non superen os 30 anos no momento da contratación

b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato), preferentemente persoas paradas de longa duración, e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van ser contratadas.

Serán subvencionables ao abeiro deste programa:

– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional

– As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.

Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.

Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude de axudas, sempre que se cumpran todos os requisitos recollidos nesta orde.

O período durante o que se teñen que producir os contratos formativos para que sexan subvencionables será desde o 1 de decembro de 2023 ata o 15 de outubro de 2024.

No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará aos vinte días hábiles seguintes ao da recepción da notificación da concesión da axuda e, en todo caso, o 15 de outubro de 2024.

Igualmente, serán subvencionables ao abeiro deste programa os incentivos á formación en competencias brandas de cada unha das persoas que sexan contratadas ao abeiro desta convocatoria cunha duración mínima de 50 horas. 

O número máximo de contratos que se van subvencionar por cada persoa ou entidade solicitante establécese en 5.

A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:

a) Incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa:

a.1. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.

a.2. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.

a.3. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.

b) Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 50 horas:

b.1. 1.700 € para formación presencial, IVE excluído.

b.2. 850 € para teleformación, IVE excluído.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2024.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240522/AnuncioG0767-070524-0006_gl.pdf