IGAPE CONVOCA AXUDAS PARA A TRANSFORMACIÓN DIXITAL DAS PEMES GALEGAS (FONDOS EUROPEOS)

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á transformación dixital das pemes para o ano 2025, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Estas axudas están destinadas a apoiar a posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións que proporcionen soporte dixital aos procesos dunha empresa, así como proxectos de interconexión dixital entre unha empresa galega e outras, ou entre dúas ou máis empresas galegas. Estes proxectos poden incluír, entre outros, ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos de coordinación entre un líder industrial e as pemes que integran a súa cadea de valor.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento de interfaces dixitais para as súas interaccións de negocio ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares), e melloras en ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas de dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral, tales como ERP, CRM e similares. 4º. Mellora da función loxística da empresa, a través da implantación de solucións dixitais, nalgunha das seguintes áreas: – Dixitalización e automatización: • Automatización e/ou robotización de procesos loxísticos, incluíndo carga e descarga, almacenaxe, transporte e distribución. • Xeolocalización e sensorización para o control de localizacións con fins como rastrexabilidade, vixilancia e localización de cargas, contedores e medios de transporte. • Aplicación de vehículos autónomos e elementos auxiliares para automatizar operacións de transporte interno ou de carga e descarga. – Procesos e aplicacións: • Desenvolvemento e adaptación de contratos intelixentes e xestión de información mediante blockchain. • API colaborativas e sistemas de intercambio de datos. – Virtualización e analítica de datos: • Aplicación de realidade virtual e/ou aumentada nos procesos loxísticos. • Uso de algoritmos e análise de datos aplicados aos procesos loxísticos. • Simulación e virtualización de procesos loxísticos.

b) Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador, aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Implantación dun sistema dixital común para mellorar as interaccións dixitais entre elas.

2º. Sistemas colectivos de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares).

3º. Implantación dun sistema de dixitalización de procesos ou de xestión integral, deseñado especificamente para o ámbito de actividade das empresas que participen no proxecto colectivo.

4º. Implantación dun sistema común para mellorar a función loxística nas áreas definidas no punto 1.a) 4º deste artigo.

O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará a computar 5 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes contado desde as 9.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o citado prazo dun mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250113/AnuncioO92-101224-0001_gl.pdf