CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN CONVOCA O "PLAN GALICIA EMPREGA" DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Galicia emprega de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR342C).

A orde regula o Plan Galicia emprega (código de procedemento TR342C) de incentivos á contratación por conta allea dos colectivos vulnerables recollidos no artigo 24.1.a), a través dunha liña de incentivos á contratación por conta allea cuxas particularidades se recollen nesta orde, e que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

Poderán ser beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser entidades beneficiarias dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 31 de xaneiro de 2025 e rematará o 30 de setembro de 2025.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250124/AnuncioG0767-160125-0005_gl.pdf